Abal & Bellas: a sonoridade contemporánea da gaita e a zanfona

O dúo conformado por Iván Abal e David Bellas ofrece este mércores ás 20.30 horas un concerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia que forma parte do ciclo Contemporáneas
O programa inclúe obras de Erick Feles, Fulvio Caldini, Philip Glass e David Bellas, alén da estrea absoluta de By the way…de Teresa Bretal
O acceso ao concerto é de balde até completar capacidade

O dúo conformado por Iván Abal (á esquerda) e David Bellas (á dereita) participa este mércores no ciclo 'Contemporáneas'

O ciclo 'Contemporáneas' de Compostela Cultura ofrece a próxima semana o primeiro dos concertos deste 2025. O mércores 22 de xaneiro, ás 20.30 horas, Iván Abal e David Bellas levarán ao escenario da Sala Mozart o programa By the way..., unha selección de composicións coas que exploran diferentes posibilidades tímbricas e sonoras de instrumentos con fonda raíz na música tradicional na interpretación de música de vangarda.

Así, a gaita de fol e a zanfona aproxímanse á sonoridade contemporánea na interpretación de composicións de Erick Feles, Fulvio Caldini, Philip Glass, David Bellas e de Teresa Bretal. By the way..., o título do programa, devén precisamente dunha obra homónima desta compositora galega que se presenta en estrea aboluta neste concerto. A peza, que fai alusión a un dos éxitos de Red Hot Chili Peppers e que significa "por certo", constrúe unha alegoría sobre o espazo nun camiñar ou nun contemplar dende as barreiras que o suxeitan, e busca trasladar o público a un mundo que representa a parte interna do ser humano, con respostas cheas de coraxe e furia interior pero que, ao mesmo tempo, procura un equilibrio. Nun universo pechado onde sempre hai unha parte que pola súa forza desequilibra a outra, é esa procura de balance o que xera o movemento e fai que funcione.

O concerto é de balde até completar a capacidade da sala Mozart, sen necesidade de retirar convites.

Abal & Bellas 

David Bellas é titulado superior en Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e titulado profesional en Gaita Galega polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Está detrás proxectos seminais da música para gaita contemporánea como Chupacabras ou Ensemble Matamá.
Iván Abal é titulado superior en Piano, Solfexo, Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e Historia e Ciencias da Música e mestrado en Arte Dramática pola Universidade de Vigo. Impartiu docencia nos principais conservatorios galegos e actualmente exerce a docencia no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Ten tocado con Son de Seu, Obal ou MetalXis.


Unha xanela aberta á innovación sonora e artística agora aberta ao longo do ano

Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de 'Contemporáneas,' un novo programa do Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, que reformula as anteriores Xornadas de Música Contemporánea para estendelas no tempo e manter unha xanela aberta ao longo do ano a novas sonoridades. A primeira edición de 'Contemporáneas' programa até o mes de maio outros catro espectáculos, que inclúen estreas absolutas e composicións especificamente creadas para a súa interpretación neste ciclo. 

En febreiro, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá A solas con Marilyn, un proxecto escénico de Teatro Xtremo, con texto de Alfonso Zurro e música e dirección de David del Puerto que afonda nas posibilidades da voz para amosar fondos sentimentos. Con dirección de escena de Ricardo Campelo Parabavides e as interpretacións da soprano Ruth González, da mezzosoprano Blanca Valido, a viola de Ana María Alonso e a guitarra eléctrica de David del Puerto, esta ópera de cámara foi resultado dunha residencia de creación no Teatro Auditorio San Lorenzo del Escorial e tivo a súa estrea no I Festival de Ópera de Cámara de Madrid. 
O compostelán Fernando Buide e o seu ensemble Música Práctica ofrecerán o martes 18 de marzo Pasos desde o Atlántico, un percorrido polas ribeiras do océano, no que as obras do propio Buide conversarán con outras de Eduardo Soutullo, Martin Bresnik, Christopher Cerrone, Mercedes Zavala ou Carme Rodríguez.
O martes 29 de abril será a quenda de Suit(e) un proxecto no que Millán Abeledo, Nuria Sotelo e o compositor compostelán Manuel López Jorge farán convivir música e danza. A través da relación escénica entre o son do violonchelo e o movemento dunha bailarina establécese un diálogo que parte da recoñecida Suite de Johann Sebastian Bach, pasa por composicións de György Ligeti, Gaspar Cassadó, Benjamin Britten, Henri Dutilleux ou György Kurtág até chegar á peza que Manuel López Jorge está compoñendo para a ocasión.

‘Contemporáneas’ pechará o martes 20 de maio coa participación de Taller Sonoro e os seus Contos para arrolar un enxame, unha carta branca para a compositora Nuria Núñez que fía unha peza desta autora creada para a ocasión xunto con obras de Elena Mendoza, Lula Romero e Clara Iannotta, compositoras estreitamente relacionadas coa traxectoria vital e estética de Núñez. Ecoarán daquela a frauta de Jesús Sánchez Valladares, o clarinete de Camilio Irizo, a percusión de Baldomero Lloréns, o piano de Ignacio Torner, o violín de Alejandro Tuñón e o violonchelo de Carmen Coronado.

Este novo formato estendido das Contemporáneas procura ofrecerlle á cidadanía máis oportunidades de gozar de propostas sonoras de vangarda e servir de escaparate aos proxectos máis relevantes que desenvolven grupos, artistas, creadoras e creadores que traballan en Galicia, sen desatender propostas que chegan doutras contornas.