A Zona C · Punto de Información Cultural inaugurouse en maio do 2021 no edificio da antiga Casa do Concello na Praza de Cervantes (Preguntoiro, 1). Trátase dun espazo multidisciplinar que acolle o principal punto de venda de entradas de Compostela Cultura (Auditorio de Galicia e Teatro Principal), ademais de intervencións artísticas e actividades diversas.
Zona "C" [2007-2019]
A Zona C orixinal fora inaugurada en marzo de 2007 como espazo para a arte máis emerxente en San Domingos de Bonaval nun espazo que pechou no ano 2019 por mor da reforma integral do Museo do Pobo Galego. Mentres permaneceu aberta, consolidouse como aposta da Concellaría de Acción Cultural para promover a creación de vangarda. En 2015 a concellaría puxo en marcha a primeira Convocatoria de apoio á creación en artes visuais nas modalidades de Proxectos de intervención artística, Proxectos de comisariado e Comunicación gráfica. O resultado do proceso de selección, a cargo dun comité de persoas expertas, conformou a programación do espazo que pretendía ser contedor vivo para unha cidade entendida como foco creador e capital cultural permanente. A Zona C, como lugar de intercambio de ideas acolleu encontros que afondaron en novos modos de mediación cultural como as experiencias que xa teñen narrado Joana Hurtado do Can Felipa, David Rodríguez AKA Tina Paterson, ou a editora independente portuguesa Bárbara Bulhosa ao que se foron sumando novos nomes.
Desde 2007 interviñeron o espazo: Juan Carlos Bracho, Suso Fandiño, Mauro Trastoy, Santi Jiménez, Marga Crespo, Manuel Eirís, Rita Rodríguez, Amaya González, Sara Fuentes, Montse Rego, Jesús Madriñán, Esther Ruiz de Pablos, Antía Moure, Nuria Ruibal, Colectivo Batbirulau, Carolina Caluori, Iván Prieto, Enrique Lista, Colectivo As Churras, Jesús de la Iglesia, Christian García Bello, Colectivo Ergosfera, Carolina Cruz Guimarey, María Castellanos ou Diego Vites.
En 2016 púxose en marcha a solicitude de propostas de creación en artes visuais onde os proxectos presentados eran seleccionados por un comité de expertos en arte e cultura. Foron resultado desta convocatoria os proxectos de intervención artística de Neves Seara, Jacobo Bugarín, Carlos Alba e Marta Bran. Sendo proxectos de comisariado os de María Marco con obra do artista Joan Morera Arbones e da comisaria Desirée Vidal Juncal con obra dos colectivos Oficina Arará (PT), Club del dibujo (AR) e O botafumeiro (GZ). Catarina Dantas realizou a comunicación gráfica.
SOLICITUDE DE PROPOSTAS DE CREACIÓN EN ARTES VISUAIS PARA A ZONA "C" 2017
Convocatoria de apoio á creación en artes visuais da Zona C 2016