O Teatro Principal acolle este mércores a representación desta creación musical de Javier Otero Neira con dirección artística e libreto de Iria Azevedo e interpretada pola soprano Esperanza Mara e a actriz Nerea Brey
A asistencia é libre até completar a capacidade do teatro
O programa ‘Contemporáneas’ volve este mércores, 27 de novembro, ás 20.30 horas ao Teatro Principal con Pálido Punto Azul, una ópera contemporánea de Javier Otero Neira que toma como punto de partida a famosa fotografía capturada pola sonda Voyager 1 en 1990 a unha distancia de 6 mil millóns de quilómetros da Terra A imaxe serve de detonante para amosar a insignificancia e fraxilidade do noso planeta como un pequeno punto azul na inmensidade do espazo
Con libreto, dirección escénica e escenografía de Iria Azevedo, e dirección musical, piano, electrónica e programación de Otero Neira, a peza conta coas interpretacións da soprano Esperanza Mara, no papel de Fatma e a actriz Nerea Brey no papel da Sombra. Rut Balbís é a responsable do movemento escénico, José Faro ‘Coti’ da iluminación e visuais, Josu Santos Blanco do vestiario, Arantza Vilar da asistencia de dirección e José Díaz da produción executiva. Música, libreto, visuais e performance únense así para representar o lugar que ocupa a humanidade no Universo a través de diferentes dimensións.
Pálido Punto Azul é unha produción de Javier Otero Neira e Culturactiva co apoio da Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude), da Deputación de Pontevedra (Área de Cultura) e do Concello da Estrada. Coa colaboración de Inversia Seguros e Wecom. A ópera foi creada en residencia co apoio do Teatro Principal da Estrada, NONONON lab, CMUS Profesional de Música de Santiago de Compostela.
Esta ópera con selo galego preséntase en Compostela no marco do programa ‘Contemporáneas’, unha iniciativa do Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña para dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes. A entrada é libre e sen necesidade de reserva até completar a capacidade do Teatro.