O Auditorio de Galicia conta con diferentes espazos que poden ser alugados para dar abeiro a encontros de distintas caracterísiticas. As salas Ángel Brage e Mozart acollen espectáculos e congresos, mentres que a Circular é idónea para presentacións ou coloquios e a de Isaac Díaz Pardo para exposicións artísticas.
A sala Ángel Brage ten 968 butacas máis 6 de cadeiras de rodas. O espazo, reúne condicións óptimas para representacións teatrais, ballet e ópera, así como para a organización de congresos. Dispón dun escenario desenvolvido, foxo de orquestra e servizos anexos pero tamén se prevé a súa redución mediante unha caixa acústica e unha cortina, cando a súa utilización está destinada a concertos, solistas, conferencias, coloquios ou congresos.
Ten zócolo de nogueira manzonia con vernizado en dous tonos e sobre el a parede é de cachotería. Na parte inferior e superior do zócolo vai unha liña continua de iluminación indirecta. O teito de madeira está deseñado de acordo coas necesidades acústicas e nel sitúanse focos luminosos e difusores de saída do aire acondicionado. No encontro do teito cos pavimentos verticais fórmase unha foxa para o alumeado indirecto.
Hai oito vestiarios individuais con aseo anexo e catro colectivos con capacidade para 20 persoas. Embaixo do escenario desta sala dispúxose un almacén de decorados e dúas salas de ensaio. Hai tamén cabinas de tradución simultánea e proxección cinematográfica.
O ancho máximo da sala son 2.650 cm, o fondo dende a boca 2.465 cm, a altura máxima son 1.200 cm e a altura do piso 1: 209-2: 0- 3:0- 4:0-5:0. O escenario ten un ancho de garavata de 1.958 cm e de boca de 1.707 cm, o foxo de orquestra mide 1.958 cm e o foxo escénico 1.200 cm. De fondo ten unha garavata de 68 cm, unha boca de 1.262 cm, os ombros miden 1.200 cm, o foxo de orquestra 625 cm e o foxo escénico 860 cm. De alto ten unha boca de 917 cm, un escenario-peite de 2230 cm, un peite-teito cun máximo de 250 cm e mínimo de 250 cm. O escenario a platea ten 88 cm, o foxo de orquestra 180 cm e o foxo escénico 288 cm. A pendente do escenario é dun 1%, sen sistema de nivelación e o piso é unha tarima de piñeiro vermello cunha superficie de 204 metros cadrados.
A potencia total instalada é de 400 Kw, con 120 circuítos no escenario, 5 varas electrificadas fixas de 12 circuítos e unha potencia de 3.000 Kw Ten 30 circuítos en sala e dimmers analóxicos con 150 canais de 3000 W marca Strand Lighting.
Ten 232 butacas máis 2 de cadeiras de rodas, e resulta apropiada para concertos, conferencias e ensaios teatrais, entre outras actividades. Debido á súa situación totalmente independente permítese o uso simultáneo coas demais salas.
Pavimentada en linolio marrón por razóns acústicas, dispón dun zócolo de madeira clara con aplicacións de latón que serve para ocultar a iluminación indirecta. Os paramentos son de tixolo macizo pintado en branco.
As dimensións da Sala Mozart son un ancho máximo de 1.483 cm, fondo desde boca de 1.269 cm e alto máximo de 586 cm. A altura do piso é de 1: 0- 2: 0- 3:0- 4:0 e 5:0. De ancho ten 1.483 cm de garavata e 1.483 de boca. O fondo ten unha boca de 745 cm. A altura é de 500 cm de boca, 673 cm de escenario-peite, 86 cm de escenario a platea. O escenario non ten pendente. A potencia total instalada é de 50 Kw, cunha potencia de toma de compañías de 400 Kw. Os dimmers analóxicos, de marca Kremesa, teñen 24 canais de potencia e 2.500 W.
O espazo expositivo está constituído por unha superficie de 1.000 metros cadrados distribuídos de forma irregular, con pilares circulares cun módulo de separación de cinco metros. A cuberta está formada por un forxado de trabes planas e as instalacións penduradas quedan vistas con carrís eléctricos para a colocación de focos lumínicos.
O acceso prodúcese mediante unha suave rampa que remata nun cambio de dirección mediante uns chanzos que trasladan o visitante a un nivel inferior do edificio. O vestíbulo pódese utilizar tamén como área de exposicións e se prevé a saída ao aire libre para a celebración de mostras ao aire libre.
A utilización dun recubrimento de madeira cálida e acolledora confírelle unhas condicións acústicas que a fan idónea para a celebración de coloquios, conferencias de prensa ou presentacións. Dispón dun aforo de 50 prazas e da posibilidade de instalar unha pantalla para a proxección de traballos multimedia. Recibe o nome de Sala Circular pola súa forma da súa planta.