Vertixe Sonora estrea ‘How can I help you?’ no marco do ciclo Contemporáneas

'How can I help you' é un espectáculo multimedia de estrea mundial arredor do primeiro programa de Intelixencia Artificial, ‘Eliza’, deseñado por Joseph Weizenbaum no MIT nos anos 60
A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle este mércores a presentación desta obra creada en exclusiva para Vertixe Sonora por José del Avellanal Carreño e Bernat Pont
A asistencia é libre é de balde até completar capacidade
 

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia servirá de escenario este mércores, día 11 de decembro, ás 20.30 horas á presentación de ‘How can I help you?’, un espectáculo multimedia para ensemble controlado mediante software de Intelixencia Artificial, creado por José del Avellanal e Bernat Pont en exclusiva para a formación Vertixe Sonora. 

Dividida en cinco partes, a peza inspírase no primeiro programa de Intelixencia Artificial, ‘Eliza’, deseñado por Joseph Weizenbaum no MIT nos anos 60 co obxectivo de estudar a comunicación entre humanos e ordenadores. A partir de aí, tece unha reflexión sonora sobre sobre intelixencia artificial e comunicación mediante unha proposta de interacción home-máquina que conecta Chat GPT coas primeiras experiencias de IA.
O espectáculo reúne as interpretacións de Mariona Anglada, actriz; Ana Sánchez, violín; Pablo Coello, saxofón; Iago Ríos, trombón; Henrique Almeida, guitarra eléctrica; Carlos Méndez, contrabaixo; David Durán, teclados; e Diego Ventoso, percusión. José del Avellanal e Bernat Pont son os responsables de electrónica, vídeo e iluminación e Laia Pont, a asistente de iluminación e renderización 3D. 

Esta estrea absoluta prodúcese no marco do ciclo ‘Contemporáneas’ unha iniciativa do Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña para dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes. Conta tamén co apoio da OSCIC (Oficina de Suport a la Iniciativa Cultura) da Generalitat de Catalunya. 

A asistencia é libre e de balde até completar a capacidade do espazo.