Nerea Cordeiro fai dialogar arte e espazo en ‘Sobre debuxar, fiar e habitar’

Coa intervención da artista bueuesa ve a luz o primeiro dos traballos seleccionados no chamamento de proxectos de creación artística da Zona C de Compostela Cultura en 2024
O acto inaugural da mostra contou coas intervencións da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e de Nerea Cordeiro
‘Sobre debuxar, fiar e habitar’ permanecerá no primeiro e segundo andar da Zona C até o 9 de febreiro con acceso libre e de balde
 

Nerea Cordeiro e Míriam Louzao

A intervención artística Sobre debuxar, fiar e habitar de Nerea Cordeiro botou andar este martes na Zona C nun acto inaugural que contou coa participación da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e da propia artista e coa presenza de representantes da Corporación Municipal.
Trátase do primeiro dos traballos seleccionados na convocatoria lanzada por Compostela Cultura en 2024 cara á selección de proxectos de creación artística para este espazo patrimonial situado na praza de Cervantes e catalogado como Ben de Interese Cultural. 
A concelleira parabenizou a creadora polo desenvolvemento dunha proposta que fai dialogar arte e espazo e puxo en valor a convocatoria na que foi seleccionada como resposta “á necesidade que o tecido artístico ten de lugares nos que desenvolver proxectos específicos e efémeros, onde moverse con liberdade e onde traballar, en ocasións por vez primeira, con profesionais do ámbito das artes visuais”. 

Nerea Cordeiro amosouse encantada coa oportunidade de enfrontarse á intervención du edificio como o da Zona C que, "nalgunhas ocasión pode producir vertixe, pero a min apetecíame moitísimo; é como xogar, como facer un puzle". A artista agradeceu o tecido desta convocatoria "por apoiar o arte emerxente, e dar a oportunidade de seguir probando, investigando e crecendo". Cordeiro salientou que "os debuxos e a pintura están aí, pero o máis interesante son as intervencións e como a arquitectura e o espazo forman parte deles". 
A partir dunha linguaxe propia e característica, a artista investiga como a liña trazada no papel pasa a ocupar o espazo coa incorporación do fío que o cruza, procurando deste modo a converxencia entre o debuxo, a escultura e a arquitectura. Unha praxe que tamén desenvolve na tese de doutoramento que está a realizar e na que indaga sobre a interconexión que pode darse entre o lugar e a arte. Este novo traballo que pasa a habitar a Zona C serve de continuidade a dous proxectos anteriores da autora, Cidades telaraña (2022-2023) e Figuras de cordas (2023-).
Nas súas obras Nerea Cordeiro amosa un interese particular por explorar todas as posibilidades do espazo, entendido como o lugar físico no que nos desenvolvemos como individuos. Tecer e morar, como fiar e habitar, son os dous infinitivos que enche de significado procurando dar resposta a estas inquedanzas constantes nos seus proxectos. Coas súa propostas, a artista tece unha disposición de arañeira que xera unha linguaxe visual e textual, e mora no taller e no espazo expositivo.
A mostra poderá ser visitada de balde na Zona C até o 9 de febreiro en horario de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. 

Detalle do xogo entre gravado, fío e arquitectura proposto por Nera Cordeiro en 'Sobre debuxar, fiar e habitar'

Achegar a vangarda das artes visuais

Ao longo de 2025, o mesmo espazo abeirará as outras propostas seleccionadas na convocatoria de proxectos de creación artística e de comisariado para a Zona C,  unha iniciativa que ten por obxectivo promover a arte emerxente do país e achegar á cidadanía os discursos e propostas de vangarda chamados a anovar o panorama creativo galego: Cuarto de Cillas Rodríguez e Acumulación dun presente moi pasado de Ana Moure, ambas as dúas na modalidade de creación artística, e Beltenebros, obxectos coreográficos, unha proposta de Sergio Meijide Casas arredor das creacións do bailarín e coreógrafo Javier Martín seleccionada na modalidade de proxectos de comisariado para este espazo.

A artista

Nerea Cordeiro Cerviño (Bueu, Pontevedra, 1999) entende a arte como unha canle de memoria e vivencia. A cabalo entre Galicia e Madrid, esta graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e mestrada de Investigación en Arte e Creación pola Universidade Complutense de Madrid cursa na actualidade estudos de doutoramento e imparte docencia nesa mesma universidade. Formou parte de exposicións colectivas en diferentes lugares da contorna estatal, entre as que se atopa a do Décimo terceiro premio Auditorio de Galicia para artistas noveis 2023, certame do que foi finalista coa obra Figuras de cordas: de Pontevedra a Madrid. Recibiu diversos galardóns, entre eles o Premio Galicia: Pedras de Santiago, no XIII Premio Atlante do Museo das Artes do Gravado; o primeiro premio da categoría fotografía, debuxo ou gravado na edición extraordinaria dos Premios de Arte do Consello Social da Universidade Complutense de Madrid; o terceiro premio da especialidade de artes plásticas no Xuventude Crea da Xunta de Galicia durante as edicións 2022 e 2023 e o terceiro premio no XVII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense, ademais de ser seleccionada como artista gañadora no XXVII Certame de Propostas de Axuda á Creación Visual de VEGAP e no VII Premio ArteLateral Complutense.