Resolta a convocatoria de proxectos de creación artística e comisariado para a Zona C

Nerea Cordeiro, Cillas Rodríguez e Ana Moure son as autoras dos proxectos seleccionados na modalidade de creación artística

Na categoría de proxectos de comisariado, o mellor valorado foi o presentado por Sergio Meijide arredor da obra do coreógrafo e investigador Javier Martín
 

O Auditorio de Galicia publica hoxe na súa sede electrónica a resolución da convocatoria para a selección de proxectos de creación artística e de comisariado para a Zona C, unha iniciativa que ten por obxectivo promover a arte emerxente do país e achegar á cidadanía os discursos e propostas de vangarda chamados a anovar o panorama creativo galego. 

O chamamento distingue dúas modalidades de intervención: proxectos de creación artística e proxectos de comisariado, que tomarán forma no edificio da praza de Cervantes no período 2024-2025. Na primeira modalidade foron seleccionadas 3 propostas: Sobre debuxar, fiar e habitar de Nerea Cordeiro, Cuarto de Cillas Rodríguez e Acumulación dun presente moi pasado de Ana Moure. A comisión responsable da selección valorou nos proxectos a capacidade de “conectar coas correntes actuais fomentando o debate e a reflexión crítica” así como a “solidez formal e conceptual de cada intervención”, entre outras calidades. Cada unha das propostas disporá de ate 4.000 €  (impostos incluídos) para a súa execución. 

Na modalidade de proxectos de comisariado o mellor valorado foi Beltenebros, obxectos coreográficos, unha proposta de Sergio Meijide Casas arredor das creacións do bailarín e coreógrafo Javier Martín. A comisión destacou deste proxecto a súa condición de “investigación transversal que reflexiona sobre as complexas relacións entre arte, corpo e pensamento propiciando a achega dos públicos aos contidos e as formas que habitan a creación artística contemporánea dende unha perspectiva diferente, abordando a creación escénica segundo o formato expositivo que expande en cada un dos catro espazos da Zona C e activando e enriquecendo o período expositivo con actividades e conversas”. A proposta contará cun orzamento de até 6.000 euros (impostos incluídos) para a súa execución na Zona C. 

Proxectos seleccionados 
Nerea Cordeiro
 Cerviño (Bueu, Pontevedra, 1999) entende a arte como unha canle de memoria e vivencia. Na intervención Sobre debuxar, fiar e habitar continúa unha investigación que desenvolveu nos últimos proxectos: tecer unha tea de araña xerando un espazo visual e textual e habitar o espazo expositivo da Zona C indagando na interconexión que se produce entre o lugar e a arte. Con este novo proxecto, Cordeiro abre fíos de conversa sobre as posibilidades de converxencia entre o debuxo e a escultura, entendendo esta última como debuxo no espazo. Un xogo visual con diferentes capas de lectura que procura activar a contorna e os públicos tratando temas de actualidade relevantes dende o prisma da arte contemporánea.
Cuarto, da creadora Cillas Rodríguez Bernal (A Coruña, 1988), busca transformar o espazo da Zona C nunha antiga vivenda unifamiliar, unha casa disfuncional que convide a reflexionar sobre o problema da vivenda, a masificación turística e a xentrificación actuais, no territorio galego e en Santiago de Compostela. 
Acumulacións dun pasado moi presente, de Ana Moure Rosende (Santiago de Compostela, 1996) co colectivo La Cuarta Piel, constrúe capas de significado que indagan nas áreas periféricas das cidades, cheas de vertedoiros que aglomeran toneladas de cousas que refugamos. O proxecto profunda nas relacións afectivas que diriximos cara aos obxectos e a materia. 
O traballo de comisariado de Sergio Meijide Casas (A Coruña, 1996) preséntase como unha exploración a través do universo cinestésico do bailarín e coreógrafo Javier Marín. Unha investigación sobre as complexas relacións entre arte, corpo e pensamento. Beltenebros: Obxectos coreográficos aborda a creación escénica segundo o formato expositivo habitual das artes plásticas.