Últimos días para visitar a mostra #Punctum. Beliscos de BD na arte contemporánea galega

•    A exposición con traballos de artistas da BD e o fanzine galego como Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy conclúe este domingo, día 16 de xuño
•    Situada na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, pode ser visitada de balde todos os días da semana, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas

O Auditorio de Galicia clausura o vindeiro domingo, día 16 de maio, a exposición  #Punctum. Beliscos de BD na arte contemporánea galega despide esta semana. Unha mostra comisariada por Íñigo Rodríguez Román que pon a dialogar os traballos de creadoras galegas de banda deseñada e fanzine para dar conta do seu potencial artístico e discursivo. 
Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy amosan no espazo expositivo do Auditorio propostas heteroxéneas que abordan temas, códigos e desafíos estéticos ben actuais. A cotiandade, a saúde mental, o ecoloxismo, o humor, as relacións familiares, a precariedade laboral ou a igualdade de xénero atravesan os traballos destas seis creadoras galegas que conforman esta exposición colectiva marcada pola pola diversidade de fórmulas e de ollares.
A mostra é un convite a recoñecer e repensar propostas formais e discursivas menos estandarizadas, na periferia dos circuítos expositivos máis convencionais. Cómics, portadas, axendas, carteis, cerámicas, adhesivos, e mesmo bicicletas conforman esta compilación de obras de creadoras que elaboran as súas narrativas desde a plena conciencia do artístico en traballos que toman o fanzine como ferramenta expresiva primixenia. É na autoedición gráfica onde experimentan sen complexos xerando esquemas expresivos e estéticos audaces e persoais, que formalmente van dende as propostas máis conceptuais ata códigos estéticos universais.
Ao tempo, a exposición garda tamén lugar para a homenaxe a festivais e movementos de autoedición galegos activos na actualidade como Fun, fun fun movidote de autoedición (Santiago Compostela), VaiaVaia (Lugo) e Autobán (A Coruña), a outros anteriores como No tengo mamá (Vigo) e a publicacións históricas como Xofre ou Barsowia. Ademais inclúe un espazo para a lectura libre de fanzines e unha sección ‘BD exquisita’ composta polos debuxos que persoas visitantes foron deixando ao seu paso pola Sala Isaac Díaz Pardo e que agora ocupan as paredes da sala. 

Poderá ser visitada sen necesidade de reserva de luns a domingo, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. O xoves 13 de xuño, por mor do concerto que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá no Auditorio para a presentación da nova temporada, o acceso á mostra pechará ás 19 horas.

Mulleres en cadriños
 #Punctum. Beliscos de BD na arte contemporánea galega é o corazón do programa de actividades ‘Mulleres en cadriños, dirixido por Neves Rodríguez e concibido para pór en valor o traballo das mulleres galegas dentro da banda deseñada. Nos meses de abril e maio levou a Zona C da praza de Cervantes 2 obradoiros para a rapazada, e 4 encontros e conversas con artistas dirixidas tanto ao público familiarizado co mundo da BD e da gráfica fanzineira como a todas aquelas persoas que comezan a descubrilo. Alén de Maru Astray, Julia Lago, Uxía Larrosa, Bea Lema, Xulia Pisón e Pepa Prieto estas actividades contaron coa participación da investigadora María Gil Martínez, o colectivo artístico Los Bravú, e a xornalista Elisa McCausland.