Abre o prazo de inscrición nas visitas guiadas á mostra '#Punctum'

 A exposición inclúe traballos de artistas da BD e o fanzine galego como Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy. O programa de visitas guiadas esténdese até o 16 de maio e é de carácter gratuíto previa reserva de praza na web de Compostela Cultura. 

O Auditorio de Galicia inicia o vindeiro martes, día 9 de abril, o programa de visitas guiadas á mostra '#Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega' unha exposición que pon a dialogar os traballos de creadoras galegas de banda deseñada e fanzine para dar conta do seu potencial artístico e discursivo. A exposición reúne na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio os traballos de Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy, que levan a este espazo expositivo de Compostela propostas heteroxéneas que abordan temas, códigos e desafíos estéticos ben actuais.

Para afondar nelas, ponse en marcha este programa de visitas comentadas de asistencia gratuíta previa reserva de praza na web de Compostela Cultura. Dirixido tanto a centros de ensino como ao público xeral, que abre este venres o prazo de inscrición. Até o 16 de maio, haberá distintos grupos dispoñibles de luns a venres e en diferentes horarios de mañá e tarde, cun mínimo de 5 persoas por grupo e un máximo de 25. O prazo de inscrición en cada grupo pecha o día antes da realización de cada visita ás 12 horas. Todas elas terán unha duración aproximada de 45 minutos e serán conducidas por Paula González Castro, estudante do Mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte da USC.

Actividades complementarias 'Mulleres en cadriños'
Canda este programa de visitas comentadas, a mostra compleméntase con obradoiros e encontros con artistas do fanzine e a BD galega. Tamén de balde, terán lugar na Zona C da praza de Cervantes nos meses de abril e maio.
A sesiónFanzines, camiños de ida e volta’ abre este programa de actividades complementarias o sábado 20 de abril ás 12 horas cunha conversa entre Maru Astray, Julia Lago, Uxía Larrosa, Bea Lema, Xulia Pisón e Pepa Prieto arredor da autoedición e o fanzine. Na tarde do mesmo día, a partir das 16.30 horas, Julia Lago impartirá o obradoiro 'BDD, Banda Deseñada Díver’, concibido para que o público novo poida aventurarse na BD e practicar con ela a combinación de debuxo e texto que permite narrar unha historia e ese de trazo desenfadado, fresco e con frecuencia colorista que caracteriza os traballos da ilustradora. Hai 25 prazas dispoñibles dirixidas á rapazada de entre 9 e 12 anos e, para facerse con unha, cómpre enviar solicitude ao enderezo obradoiros.punctum@gmail.com  antes das 14 horas do 19 de abril.
O segundo dos encontros desenvolverase o 4 de maio ás 12 horas baixo o título 'Autoedición como supervivencia: fanzines para a resistencia feminista e LGTBIQ+ en Galicia'. A investigadora María Gil Martínez conversará en profundidade sobre a autoedición para falar dos seus límites e especificidades nun achegamento á actualidade a través de exemplos concretos onde abordará as diferentes formas de relación entre arte e política na autopublicación observando os inicios do fanzine feminista e LGTBIQ+. 
Dea Gómez e Diego Omil, integrantes do colectivo artístico Los Bravú, tomarán o relevo do programa de actividades o mércores 22 de maio ás 17.30 horas. Na sesión ‘Procesos e sucesosfalarán de cómic, fanzines, pintura, escultura, fotografía ou audiovisual para compartir co público os seus procesos creativos e os sucesos que os fan posibles.
O último dos encontros desenvolvidos ao abeiro da exposición #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega terá lugar o 25 de maio ás 12.00 horas para ofrecer unha viaxe dende as orixes do cómic até o presente da man da xornalista Elisa McCausland. Moderado por Neves Rodríguez e baixo o título 'Xenealoxía e futuro das autoras de cómic', este faladoiro percorrerá as dinámicas editoriais, socio-económicas e autorais á luz dos feminismos da man das autoras que se foron sucedendo nas diferentes etapas do medio. 
Finalmente, será tamén esa tarde cando Bea Lema imparta na Zona C o obradoiro 'Ilustración con tecido e fío. Zarapelleiras', inicialmente programado o 4 de maio. A partir das 16.30 horas, a artista conducirá este taller arredor da arpillería unha técnica de representación que xurdiu en Chile durante a ditadura militar e que adoitaba ser feita por grupos de mulleres. O obradoiro diríxese a nenas e nenos de máis de 10 anos que poderán optar a unha das 25 prazas dispoñibles mediante inscrición no enderezo obradoiros.punctum@gmail.com antes das 14 horas do 24 de maio.
 

     

MÁIS INFORMACIÓN

Formulario de inscrición nas visitas guiadas