

O programa titulado ‘Nasce la pena mia. Concerto para o tempo da Paixón’ céntrase nas ‘Sonatas do Rosario’ de Heinrich Ignaz Franz von Biber, e contará co recitado de versos de Rilke na voz do actor Luis Iglesia
Este segundo concerto do ciclo De Lugares e Órganos terá lugar na igrexa de Santa Clara o martes 15 de abril ás 20 horas
A violinista Annelie Gahl participará tamén nun encontro co público o mércores 16 ás 19 horas no espazo enocultural VIDE, VIDE!
O órgano da igrexa de Santa Clara volverá soar o vindeiro martes, día 15 de abril, ás 20 horas ao son do programa Nasce la pena mia. Concerto para o tempo da Paixón, un recital protagonizado pola recoñecida violinista Annelie Gahl e o conxunto Mvsica.Plagensis, dentro da 10ª edición do ciclo de Lugares e Órganos. Música e outras paisaxes de Compostela.
Este concerto especial propón unha viaxe musical polos Misterios do Rosario a través das extraordinarias Sonatas do Rosario de Heinrich Ignaz Franz von Biber, unha das obras máis fascinantes do repertorio barroco. Compostas arredor de 1674, estas 15 sonatas para violín e baixo conxunto, acompañadas dunha peza final –a célebre Pasacaglia– destacan pola súa intensidade expresiva e pola complexidade técnica que implica o uso da scordatura, unha afinación alternativa do violín que permite crear atmosferas e timbres únicos para cada misterio. O programa complétase con composicións de Johann Schop, e de Bartolomé de Selma y Salaverde.
A interpretación correrá a cargo de Annelie Gahl, unha das violinistas máis prestixiosas da escena internacional, recoñecida polas súas gravacións en solitario e polas súas colaboracións coa Camerata Salzburg e o Concentus Musicus Wien, baixo a dirección de Nikolaus Harnoncourt. Xunto a ela, estarán os músicos de Mvsica.Plagensis: Hans Brüderl (arquilaúde), Peter Trefflinger (violonchelo barroco) e Ewald Donhoffer (órgano).
O concerto contará, ademais, coa participación do actor galego Luis Iglesia, quen poñerá voz aos poemas do ciclo da Vida de María de Rainer Maria Rilke, engadindo unha dimensión poética e espiritual á experiencia musical.
Os convites para o recital, esgotados dende hai varios días, son válidos até 10 minutos antes do seu comezo e, en caso de quedar localidades dispoñibles, poranse á disposición das persoas interesadas.
O evento conta co apoio do Foro Cultural de Austria, unha das entidades colaboradoras da décima edición do ciclo De Lugares e Órganos. En 2025, este programa que procura poñer en diálogo o patrimonio arquitectónico, musical e espiritual da cidade e que ofrece ao público propostas artísticas singulares en espazos cargados de simbolismo e historia, conta tamén coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, NUMAX, VIDE, VIDE! espazo enocultural e o Proxecto Órganos de Galicia.
O órgano da igrexa de Santa Clara
As clarisas, como os franciscanos, consideraban o órgano esencial nas súas celebracións litúrxicas, e o convento de Santa Clara de Compostela non foi unha excepción. En 1565, Pedro Martínez de Montenegro construíu un órgano renacentista para o mosteiro, que sería substituído en 1668 por outro feito por Baltasar Machado. Este instrumento durou pouco, pois en 1709, tras a reedificación da igrexa, Manuel de la Viña, organeiro da catedral, construíu o órgano que aínda hoxe se conserva.
Este instrumento, de grande valor histórico, foi restaurado ao longo dos séculos, con intervencións en 1750, 1865 (por Ramón Cardama), e nos anos 30 (por frei Manuel Fernández), ata a súa restauración definitiva en 2004 a cargo de Goetze & Gwynn, que o devolveu á súa configuración orixinal respectando o seu carácter de órgano barroco ibérico. É un dos órganos máis antigos de Galicia, plenamente operativo e testemuña do papel central que xogou na vida musical e espiritual do convento.
Encontro con Annelie Gahl: conversa e música ao vivo
Co obxectivo de ampliar a experiencia sonora do concerto Nasce la pena mia e levar as actividades do ciclo De Lugares e Órganos a outros recunchos da cidade, o espazo enocultural VIDE,VIDE! acollerá o mércores 16 ás 19 horas un encontro aberto con Annelie Gahl, quen conversará co público sobre o concerto do día anterior. A violinista afondará nas técnicas empregadas para a execución das Sonatas do Rosario de Biber, poñendo especial atención na scordatura, todo un reto para a intérprete. Ademais, a profesora Mozarteum de Salzburgo e colaboradora habitual do Concentus Musicus Wien conversará coas asistentes sobre a súa experiencia persoal como intérprete e docente.
Tamén neste caso, a actividade é de balde previa retirada de convites, que están esgotados dende hai varios días. En caso de quedar localidades dispoñibles ao comezo do encontro, poranse á disposición das persoas interesadas.