De Lugares e Órganos: dez anos á descuberta do patrimonio sonoro de Compostela

Do 13 ao 20 de abril, a décima edición do ciclo De Lugares e Órganos programa en Compostela distintas actividades coas que gozar da riqueza organística da cidade e afondar na historia musical
As igrexas de San Paio de Antealtares e Santa Clara, a igrexa da Universidade, a Terceira Orde e o convento do Carme, cuxo órgano se escoitará por vez primeira neste programa, acollerán os recitais desta edición
 

 

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e a directora do ciclo, Belén Bermejo. 

A música de órgano volve á cidade coa primavera da man do ciclo De Lugares e Órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela que este ano chega á súa décima edición e se consolida como referente na axenda cultural. Do 13 ao 20 de abril, o ciclo ofrecerá novas oportunidades de descubrir o patrimonio organístico de Santiago e coñecer a súa historia musical con concertos e actividades diversas en espazos excepcionais. 

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e a directora artística do ciclo, Belén Bermejo, presentaron este martes en rolda de prensa a nova edición do ciclo promovido por Compostela Cultura que conta este ano coa colaboración doutras entidades e institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, NUMAX, VIDE,VIDE! espazo enocultural, o Foro Cultural de Austria e o Proxecto Órganos de Galicia. 

Tras agradecer a colaboración das entidades e particulares que fan posible esta nova edición, Louzao puxo en valor unha iniciativa que, “ao longo dos dez últimos anos abriu os ollos e oídos da cidade aos tesouros musicais que acubilla Compostela, instrumentos históricos que se revelan como auténticas xoias da organaría peninsular e que portan canda si a memoria e a beleza de séculos de música”.

Antes de detallar o programa desta décima edición, a directora artística do ciclo, Belén Bermejo, salientou a súa “vocación de xerar espazos, e momentos de encontro arredor dunha parte dun patrimonio valiosísimo agochado na cidade de Compostela” e de camiñar cara á “difusión, a dinamización, o coñecemento de todos estes valiosos instrumentos que temos aquí en Compostela e, do que é máis importante, da súa música”.

A igrexa de San Paio de Antealtares, a de Santa Clara, a da Universidade e o convento do Carme acollerán os concertos en vivo desta edición, todos eles de balde previa retirada de convites. Ademais dos recitais, a programación inclúe actividades complementarias de grande interese como a proxección da película L’Année dernière à Marienbad na sala NUMAX, un encontro coa recoñecida violinista austríaca Annelie Gahl en VIDE,VIDE! espazo enocultural e un percorrido pola historia da organaría en Compostela, dende a Confraría do Rosario até a igrexa da Terceira Orde.

 

De esquerda a dereita, o asesesor musical Andrés Díaz, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e a directora artística do ciclo, Belén Bermejo.

Música ao vivo

A formación galega Catro Quince abre a programación o domingo 13 de abril ás 20.30 horas na Igrexa de San Paio de Antealtares co concerto Con moita intención e diversidade. Roberto Santamarina Fernández ao violín barroco, Carlos García Amigo ao violonchelo barroco e Alejandra Escolante Mujico ao órgano e espineta, interpretarán un programa con obras de  autores como Francisco Correa de Araujo, Dario Castello, Marco Uccellini e Johann Jakob Froberger que explora as linguaxes e sonoridades do Barroco, nun percorrido pola música de diferentes autores do século XVII que dá mostra do novo estilo que se instalou naquela altura na composición musical, caracterizado polo afán de xerar emocións a través de fortes contrastes no ritmo e nas dinámicas e de novas formas interpretativas. 

A igrexa de Santa Clara acollerá o segundo concerto do ciclo, o martes 15 de abril ás 20.00 horas. A violinista austríaca Annelie Gahl únese ao ensemble MVSICA.PLAGENSIS, conformado por Hans Brüderl ao arquilaúde, Peter Trefflinger ao violonchelo barroco e Ewald Donhoffer ao órgano para presentar o programa Nasce la pena mia. Concerto para o tempo da paixón. O público do ciclo escoitará daquela As sonatas do Rosario, de Heinrich Ignaz Franz von Biver, xunto con obras de Johannes Schop e Bartolomé de Selma y Salaverde. A interpretación das pezas estará acompañada do recitado do actor galego Luís Iglesia, quen declamará poemas do ciclo da Vida de María do poeta Rainer Maria Rilke. O día a seguir, o mércores 16 de abril ás 19 horas, Annelie Gahl manterá tamén unha conversa co público en VIDE,VIDE! espazo enocultural no que volverá sobre repertorio interpretado na tarde anterior. Gahl, profesora do Mozarteum de Salzburgo e colaboradora habitual do Concentus Musicus Wien, afondará no significado musical das Sonatas do Rosario, de Heinrich Ignaz Biber, e as técnicas empregadas na súa execución, cunha demostración en directo. Para as persoas participantes será toda unha experiencia sonora e visual coñecer a técnica que permite obter diferentes sonoridades e dar forma ás distintas texturas e atmosferas que acompañan os diversos estados de ánimo que a música trata de reflectir.

O órgano da igrexa da Universidade protagonizará a seguinta cita do programa. O venres 18 de abril ás 20 horas chegará a quenda do concerto titulado De harmonía as esferas. Música ibérica entre os séculos XVI e XVIII, no que Ramón Pérez-Sindín Blanco percutirá este magnífico instrumento creado en 1802 por Manuel Sanz, alén dun clavicémbalo que replica un instrumento de Ioannes Ruckers de 1616. O programa inclúe obras de Manuel Rodrigues Coelho, Sebastián Aguilera de Heredia, Domenico Scarlatti ou Antonio de Cabezón, entre outras, nunha escolma dos máis destacados compositores portugueses e hispánicos deste período. 

O ensemble francés Barbaroco e o organista Marco Orsini-Berscia ofrecerán o último dos concertos da edición o domingo, día 20 de abril ás 20 horas na igrexa do convento do Carme, cuxo órgano se incorpora por primeira vez á programación do ciclo De Lugares e Órganos. O son deste instrumento único nas mans do organista italo-brasileiro afincando en Galicia combinarase coa riqueza tímbrica das violas da formación francesa conformada por Eliaz Hercelin (viola soprano e dirección), Claire Gravelines (viola tenor) Hyérine Lassalle (viola baixo), Lukas Schneider (viola baixo) e lan Hercelin (percusión).  Baixo o título Glosas de ouro, Luz e esplendor do Renacemento interpretarán pezas extraídas de importantes compendios como o Cancionero de Palacio ou o Cancionero de Medinaceli, xunto con obras de Antonio de Cabezón e Diego Ortiz, figuras clave da música do século XVI na contorna ibérica.

O son do órgano ecoa noutros espazos de Compostela

Alén dos concertos, o ciclo mantén seccións xa tradicionais que espallan a súa proposta de descuberta musical pola cidade. Desta volta, afonda na pegada do órgano no cinema coa proxección da película L’Année dernière à Marienbad (O ano pasado en Marienbad, Alain Resnais, 1961), o 14 de abril ás 19.30 horas en NUMAX. O clásico filme de Alain Resnais ten a singularidade de que a súa banda sonora foi composta para órgano por Francis Seyrig, e é precisamente a música un dos elementos que máis intensifica a sensación de ambigüidade e entresoño que caracteriza a cinta. A intérprete da música, Marie-Louise Girard, e o órgano no que esta foi gravada, o do Oratoire du Louvre en París, contribúen a realzar a relevancia que o instrumento acada no conxunto dun filme cun elevadísimo interese cinematográfico. A proxección irá acompañada dunha pequena conversa para contextualizar a proxección e achegar as claves que permitan entender a conexión do filme co mundo do órgano.

Entre as actividades expandidas destácase tamén o percorrido Memoria Silente: a Terceira Orde, lugar e memoria da organaría galega que partirá o xoves 17 de abril, ás 11 horas da entrada do cemiterio da Confraría do Rosario, na rúa de Bonaval, para dar así conta dun descubrimento recente que será desvelado durante a propia andaina. Esta chegará ate a igrexa da Terceira Orde, onde descansan os restos de importantes organeiros da Catedral ao longo dos tempos. O percorrido, que forma parte da sección ‘Outras paisaxes, outros tons da cidade’ rematará cun pequeno recital a cargo de Alejandra Escolante (espineta), que interpretará pezas que ambientarán musicalmente a época na que se desenvolveu o traballo destes artesáns. 

Entradas 

As entradas os concertos e actividades son de balde previa retirada de invitacións (máximo 2 por persoa, que se reduce a 1 por persoa no caso do itinerario), que estarán dispoñibles dende este mércores día 2 a partir das 11  horas no despacho de billetes da Zona C ·Punto de Información Cultural, situada na esquina da praza de Cervantes coa rúa do Preguntoiro e aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas. 

De non se esgotaren, tamén se poderán recoller o propio día de cada actividade no lugar onde esta se celebre dende unha hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio e cada sesión e partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas. 

A asistencia á proxección na NUMAX ten un custo de 4€. Pódense mercar entradas anticipadas no despacho de billetes do cinema ou na web numax.org. 

Para atopar información actualizada de todas as actividades, recomendase visitar a web de Compostela Cultura.