

A exposición comisariada polo historiador e investigador coruñés a partir da obra do coreógrafo Javier Martín foi seleccionada na convocatoria proxectos de curadoría de Compostela Cultura para a Zona C e botou andar este martes 18, ás 19.30 h no edificio da praza de Cervantes
‘Beltenebros: obxectos coreográficos’ permanecerá aberta até o 12 de abril e pode ser visitada sen necesidade de reserva de martes a sábado, das 11 ás 14 e das 16 ás 19 horas
Bota a andar na Zona C o proxecto de comisariado 'Beltenebros: obxectos coreográficos'
O espazo expositivo da Zona C abriu de novo as súas portas este martes, 18 de febreiro ás 19.30 horas para a inauguración da mostra Beltenebros: obxectos coreográficos, un proxecto comisariado polo historiador e investigador Sergio Meijide Casas a partir da obra do coreógrafo e tamén investigador Javier Martín. Alén das intervencións de comisario e artista, o acto inaugural contou tamén coa da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e coa presenza de integrantes da Corporación Municipal e de numerosas persoas asistentes.
Esta exposición, resultante da convocatoria realizada por Compostela Cultura para a achega de proxectos de curadoría e intervencións artísticas na Zona C, toma como punto de partida os materiais preparatorios dun dos últimos traballos do coreógrafo, a obra escénica Beltenebros, estreada no pasado mes de xaneiro e concibida en paralelo a este proxecto expositivo a cabalo entre disciplinas.
En palabras da concelleira, “ao transpoñer as ferramentas dese traballo a esta sala, a mostra transforma a nosa mirada cara a elas e transforma tamén este espazo deitando novas olladas posibles que dependen da nosa complicidade, aguilloándonos a exercer o noso papel de espectadoras-creadoras”.
A dicir de Sergio Meijide, “se do que se trataba naquel caso era de corporeizar unha longa investigación sobre como algunhas tecnoloxías somáticas do pasado (os exvotos) nos poden axudar a elaborar a nosa subxectividade nos tempos do turbocapitalismo, a formalización expositiva deste mesmo proceso recalou nunha presentación obxectual na que o corpo do artista, o seu principal medio de expresión, non está presente. Este paradoxo é o que habilita que a exhibición dalgúns dos materiais preparativos da obra escénica alumee un resultado diferente ao fin para o que foron creados, permitindo que sexa a dimensión escultórica dos obxectos a que artelle unha reflexión ampla sobre as complexas relacións entre arte, corpo e pensamento.”
Así, na translación do traballo coreográfico e escénico ao espazo expositivo, a mostra Beltenebros: obxectos coreográficos expón as ferramentas do artista agora desposuídas do corpo que as habita e as move, para posibilitar novas perspectivas dende as que contemplalas e convidar as persoas asistentes a afondar e reflexionar sobre o proceso creativo deste artista do movemento e sobre o carácter simbólico dos propios obxectos. Ao tempo, a instalación das pezas nesa sala-escenario en que se converte a Zona C comporta un xogo entre a dimensión escultórica dos obxectos e as características arquitectónicas do edificio da praza de Cervantes.
Tras a inauguración, a exposición permanecerá na Zona C até o 12 de abril. Aberta de martes a sábado, o horario de visitas é de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. Ao longo deste período expositivo e como parte da vocación experimental e procesual da mostra, desenvolveranse diferentes encontros e conversas coa participación de comisario, artista e persoas colaboradoras. A primeira delas, programada o sábado 1 de marzo ás 12 horas, consistirá nun paseo comentado pola exposición coa pianista Haruna Takebe e a performer Masako Hattori, colaboradoras da obra escénica Beltenebros. O sábado 15 de marzo, tamén ás 12 horas, o terceiro andar da Zona C acollerá un encontro aberto con Victoria Pérez Royo, profesora de Estética e Teoría da Arte na Universidade de Zaragoza. Á mesma hora do sábado 22 de marzo arrancará nese mesmo espazo unha conversa entre Javier Martín e a dramaturga e investigadora Gena Baamonde, a partir do libro Materia resonante. Finalmente, o sábado 5 de abril ás 12 horas, o comisario Sergio Meijide ofrecerá na Zona C a conferencia ‘Cara a unha metamorfose somática’. Todas as actividades programadas son de acceso libre e de balde.
De esquerda a dereita, Mercedes Rosón, Javier Martín, Sergio Meigide, Míriam Louzao e Borja Verea
Comisario e artista
Sergio Meijide Casas é doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, onde impartiu docencia. É autor de numerosas publicacións académicas, participou e organizou congresos e seminarios internacionais e realizou estadías de investigación en centros académicos de prestixio. Foi gañador da VII edición do premio CGAC de ensaio. Actualmente colabora co Departamento de Arquitectura do Centre Pompidou de París.
Javier Martín traballa como coreógrafo, bailarín e investigador das artes do movemento. É autor de máis de trinta pezas, entre as que se inclúen dezaseis espectáculos e diversas colaboracións con artistas como o pianista Oleg Karavaichuk. A súa obra foi presentada en España, Portugal, Francia, Rusia, Ucraína, México, Uruguai e Guatemala. En 2024, veu a luz o primeiro poemario do artista, Materia resonante (De Corpos Presentes).