O festival tamén estrea en Galicia From darkness to light, o documental sobre a lenda da comedia estadounidense Jerry Lewis
Cineuropa presenta este sábado 16 de novembro ás 16 horas no Teatro Principal a serie completa El circo de los muchachos, dirixida por Elías León Siminiani.
A serie conta a historia da Cidade dos Muchachos, fundada por Jesús Silva, “o Cura”, que xunto a 15 rapaces creou unha cidade e un proxecto educativo para mozos sen recursos na España franquista de 1956. A serie está creada a partir dunha combinación de materiais e entrevistas inéditas e dun arquivo único que percorre máis de 50 anos de historia e que conta ata con imaxes gravadas desde o propio estudio de televisión creado en Benposta.
O director, Elías Siminiani, e o produtor Borja Pena acudirán xunto con outros membros do equipo o sábado ao Teatro Principal de Santiago de Compostela para presentar a serie e facer un coloquio co público.
Elías Siminiani é investigador sobre diversos formatos e xéneros. Gañou un premio Goya á mellor curta de ficción no 2023 co filme Arquitectura emocional 1959 e o premio á mellor curta en Europa Cinema 2007 por Ludoterapia, entre outros galardóns. Siminiani dirixiu Apuntes para una película de atracos (2018) e tamén docuseries que tiveron moita repercusión como El caso Asunta: Operación Nenúfar (2017) e El caso Alcàsser (2019).
El circo de los muchachos compite na Sección Oficial Europea de Cineuropa. É unha produción de Vaca Films con guión de Elías León Siminiani, Juan Alba e Pepe Coira. O festival proxectará a serie íntegra na tarde do sábado antes da súa estrea na plataforma Amazon e realizará un coloquio co público.
Outra das estreas que propón esta edición de Cineuropa é a da película documental From darkness to light (Da escuridade á luz) de Eric Friedler, Michael Lurie e protagonizada por Martin Scorsese, Harry Shearer, Sarah Silverman, Mel Brooks e Jerry Lewis.
Un dos maiores misterios de Hollywood é a última película autodirixida pola lenda da comedia Jerry Lewis, The Day The Clown Cried, un proxecto anticipado en 1972 que desapareceu misteriosamente e nunca se volveu ver. Durante máis de 50 anos, circularon teorías dubidosas sobre esta suposta 'película perdida', pero recentemente xurdiu nova información que bota luz sobre o que realmente aconteceu. A busca deste tesouro histórico desenvólvese con numerosas celebridades e amizades de Lewis que comparten as súas opinións sobre o seu legado e ambición no documental From darkness to light.
Entre as propostas destacadas desta segunda fin de semana do festival tamén está a proxección de Henry fonda for president, de Alexander Horwath. O cineasta austríaco constrúe unha historia dos Estados Unidos sobre o imaxinario dos personaxes que Fonda interpretou, dende os colonos do século XVII ata a súa morte en 1982. E nese itinerario, o filme vai tomando forma de elexía pola democracia norteamericana, polos mellores valores dunha tradición liberal e solidaria, de loita polos dereitos civís e os principios humanistas que a onda do trumpismo ameaza con levar por diante. O director estará en Santiago de Compostela presentado o filme.
Tamén a directora María Trénor estará en Compostela presentando Rock Bottom. A película conta unha historia de amor autodestrutivo entre Bob e Alif, unha parella de artistas que viven o ambiente creativo e rompedor da cultura hippie dos anos 70. A súa relación florece nun verán apaixonado, pero as drogas transforman a súa vida nun pesadelo. Inspirada na vida e música de Robert Wyatt, a película explora a euforia e a angustia da creación artística, a fascinación inconsciente polas drogas, o desgaste provocado na parella pola rutina e a degradación física e mental que resulta da busca desenfreada de liberdade.
Cineuropa 38
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 38ª edición conta tamén co apoio do Instituto Camões, o Festival Internacional de Cine de Xixón, o festival Artekino e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais alén de diversos patrocinios de empresas e entidades da contorna de
Compostela.
Sedes do festival e información práctica
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos estarán á venda a partir deste mesmo martes 6 no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal