O cineasta Alberto Gracia e a actriz Ingrid García-Jonsson reciben esta semana o Premio Cineuropa

A entrega da máxima distinción do festival ao director ferrolán será o martes 12 de novembro ás 20.15 horas no Teatro Principal, nun acto que incluirá a proxección do seu filme La Parra por primeira vez en Galicia

A intérprete hispano-sueca recollerá o seu premio Cineuropa o xoves 14 de novembro ás 20.00 horas no Teatro Principal, nunha gala na que o público do festival asistirá ao paseo dun dos últimos filmes protagonizados pola actriz, Una ballena.

A 38ª edición de Cineuropa recoñece a traxectoria do cineasta ferrolán Alberto Gracia, a actriz hispano sueca Ingrid García-Jonsson e a realizadora brasileira Flávia Castro. 

O director Alberto Gracia recibirá o Premio Cineuropa este martes 12 ás 20.15 horas nunha gala no Teatro Principal na que se proxectará a película La Parra, na que será a estrea galega do filme. O cineasta ferrolán estudou Escultura na Facultade de Belas Artes do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e foi precisamente nese eido, alén do debuxo e da pintura onde empezou o seu traballo artístico, malia que axiña realizou incursións no vídeo e o cinema. Establecido en Barcelona dende 2002, gozou dunha bolsa Hangar de dous anos (2008-2009) preparou e realizou exposicións coa súa obra no Centro de Cultura Contemporánea, en Laboral Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña (2017) ou en países como Austria ou Francia.

Considerado parte do Novo Cinema Galego, a súa primeira curta foi Microfugas (2008). Despois de distintos proxectos de vídeo e outras curtas, en 2013 estreou a súa primeira película, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, coa que gañou o premio da crítica da Federación Internacional da Prensa (Fipresci) no Festival Internacional de Cinema de Róterdam  A súa segunda película, A estrela errante (2018), foi galardoada no Festival de Cinema Europeo de Sevilla. La Parra é a súa terceira longametraxe. 

Durante o acto de entrega do premio proxectarase a película La Parra, último traballo do director. La Parra conta a historia de Damián, un home de mediana idade que vive de maneira precaria nunha gran cidade. Cando recibe a nova da morte do seu pai vese obrigado a regresar ao seu Ferrol natal logo de máis de vinte anos de ausencia. O lugar, que lembraba vibrante, converteuse nunha ruína que parece atrapar a todos os seus habitantes. Damián participa tamén nun concurso televisivo no que se premia a literalidade. Cando o programa vai a publicidade, comeza a súa verdadeira historia: o regreso a un Ferrol en decadencia.

La Parra tivo a súa estrea mundial no Festival de Cine de Rotterdam e acaba de gañar o Gran Premio Alquimias da Seminci. Esta será a primeira vez que a película se poida ver en Galicia antes da súa estrea oficial en salas de cine o próximo 13 de decembro. 

O vindeiro xoves 14 tamén recibirá o Premio Cineuropa a actriz Ingrid García-Jonsson nunha gala no Teatro Principal ás 20 horas na que se proxectará o filme Una ballena, dirixida por Pablo Hernando e protagonizada pola premiada. 

Ingrid García- Jonsson, actriz e escritora de nai sueca e pai cordobés, estuda desde moza interpretación e traballa en curtas, webseries e pequenos papeis de televisión. O recoñecemento da industria e da prensa especializada chega coa película dirixida por Jaime Rosales, Hermosa juventud, estreada na Sección Un Certain Regard do Festival de Cine de Cannes. Candidata ao premio Goya a mellor actriz revelación polo seu papel no filme, a carreira de Ingrid continúa con traballos como Ana de día, de Andrea Jaurrieta; Explota, explota de Nacho Álvarez; Veneciafrenia, de Alex de la Iglesia; ou Un amor de Isabel Coixet. 

Na gala do vindeiro xoves poderase ver un dos seus últimos traballos, Una ballena, de Pablo Hernando, estreada no Festival de Sitges. Na película, cando Ingrid preme o disparador, as súas vítimas non saben quen lles disparou. A súa habilidade para infiltrarse e desaparecer sen deixar pegada convértese na súa mellor arma como implacable asasina a soldo. Pero ese poder provén doutra dimensión, dun lugar habitado por criaturas monstruosas que a afastan cada vez máis da súa humanidade. A medida que Ingrid se mergulla máis no seu inquietante mundo, a liña entre a súa identidade e a das súas vítimas comeza a esvaerse, revelando un conflito interno que a levará a cuestionar o prezo da súa vida de violencia e a súa verdadeira natureza.

A entrega do último Premio Cineuropa, dedicado á realizadora brasileira Flávia Castro, será o vindeiro mércores 20 de novembro. 

Cineuropa 38
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 38ª edición conta tamén co apoio do Instituto Camões, o Festival Internacional de Cine de Xixón, o festival Artekino e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais alén de diversos patrocinios de empresas e entidades da contorna de 
Compostela.

Sedes do festival e información práctica
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edició<n. As entradas e bonos estarán á venda a partir deste mesmo martes 6 no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal 

Apoios e colaboracións
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 38ª edición conta tamén co apoio do Instituto Camões, o Festival Internacional de Cine de Xixón, o festival Artekino e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais alén de diversos patrocinios de empresas e entidades da contorna de Compostela.