Compostela Cultura conmemora o Día Europeo da Música cunha programación que celebra a diversidade cultural

•    Do 18 ao 22 de xuño, o Teatro Principal acollerá catro concertos e un espectáculo de danza con música en directo que combinan sonoridades tradicionais e contemporáneas

•    As entradas e convites están xa á disposición do público na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes na Zona C ·Punto de información Cultural, e tamén se poderán retirar no despacho de billetes do Teatro Principal o día de cada evento dende unha hora antes do seu inicio

A italiana Maria Mazzotta, o Pablo Sanmamed Trío con Benxamín Otero e artista portuguesa sús forman parte do programa co que Compostela Cultura conmemora o Día Europeo da Música

Compostela Cultura súmase ás conmemoracións do 21 de xuño, Día Europeo da Música, e esténdeas ao longo desa semana coa programación de actividades que afondan na diversidade e riqueza da cultura europea e concitan propostas que van dende a exploración das súas tradicións musicais á anovación de achegas contemporáneas. Do 18 ao 22 de xuño, o Teatro Principal acollerá catro concertos e un espectáculo de danza con música en directo que reúnen artistas e formacións musicais da contorna galega, estatal e europea.
O ciclo ábrese o martes 18 de xuño ás 20.30 horas con Somos, un traballo da compañía de danza lookathingsdifferent que contará coa música en directo do compositor e pianista compostelán Nico Casal. Este espectáculo, que se integra nas Xornadas de Música Contemporánea e no circuíto Danza a Escena do Instituto das Artes Escénicas e da Música (INAEM) convida a apreciar a beleza da arte a través do movemento marcado pola busca persoal, a exploración e a entrega das coreógrafas Carla Cervantes Caro e Sandra Egido Ibáñez. As entradas, a un prezo de 10 € (co 50% de desconto para os colectivos habituais) están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural. Tamén se poderán recoller no Teatro Principal o propio día do espectáculo dende unha hora antes do seu comezo.

O mércores 19 de xuño será a artista italiana Maria Mazzotta quen tome o escenario do Teatro Principal. A partir das 20.00 horas presentará en concerto Amoreamaro, un álbum que a levou a percorrer Europa cunha xira de 80 concertos en máis dunha vintena de países e que fixo dela unha das voces máis apreciadas da contorna europea no ámbito das ‘músicas do mundo’. Neste concerto en Compostela da man do acordeonista Antonio de Luca, Mazzotta volverá engaiolar o público para mergullalo nunha viaxe a través das emocións, atopando no canto e na tradición popular salentina do sur de Italia o vehículo perfecto para experimentar a catarse, a forza, o amor ou o esquecemento. As entradas, a un prezo de 12 euros, pódense adquirir nas mesmas canles e cos descontos habituais de Compostela Cultura. 

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela tomará o relevo o xoves 20 de xuño ás 20.00 horas con Dende a semente creativa, un concerto que tamén forma parte das Xornadas de Música Contemporánea de 2024. David Fiuza levará a batuta da formación nun programa con tres estreas absolutas compostas por Xosé Carlos Seráns Olveira, Federico Mosquera e Fernando Ruibal que se completa cunha obra de Juan Fernández Guzmán. A actuación contará coa intervención de dous solistas galegos: o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o saxofonista Rafael Yebra. O recital é de balde previa retirada de convites (máximo 2 por persoa) na web de Compostela Cultura, na Zona C e no despacho de billetes do Teatro Principal. 

No propio Día Europeo da Música, o venres 21 de xuño, ás 20.00 horas, o pano do Principal erguerase de novo para a presentación en concerto de Zugunruhe. Inquietude Migratória, o terceiro álbum de estudio de Pablo Sanmamed. O óboe de Benxamín Otero únese nesta ocasión ao habitual trío de jazz conformado por Sanmamed ao contrabaixo, Iago Mourinho ao piano e Bruno Couceiro á batería, para musicar este traballo que se inspira no comportamento ansioso que se dá nas especies migratorias, singularmente nas aves, ás que se lles impide migrar. O movemento e o seu oposto, a quietude, toman forma musical da man deste cuarteto galego e do seu son comunitario e inmersivo. Tamén neste caso, as entradas teñen un prezo de 12 euros e poden ser adquiridas con idénticos descontos a través das canles xa mencionadas.

O ciclo péchase o sábado 22 de xuño ás 20.00 horas cun concerto que reunirá no escenario do Teatro Principal dúas propostas artísticas agromadas a unha e outra beira do Miño. Abrirá a noite Mel, é un proxecto liderado por Lucas de Centi e Sandra Pérez que explora a mestura de diferentes estilos de música electrónica con elementos da música tradicional e do jazz. A súa aposta por un espectáculo baseado na improvisación conta coa participación de Antía Muíño na voz e con Miguel Arribas nos saxos e efectos sonoros.  O concerto continuará coa proposta entre a electrónica experimental e o art pop de sús, un proxecto a solo da artista portuguesa Susana Nunes que transita por diferentes formatos de expresión artística, a música electrónica de vangarda, o fado e a lírica portuguesa, sempre co son e a exploración da voz como vehículo principal. As entradas, tamén a 12 euros, pódense adquirir dende este xoves na web de Compostela Cultura e na Zona C· Punto de Información Cultural.

Horarios e descontos para a compra de entradas 
As entradas e convites para todos estes eventos están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h) e tamén se poderán retirar no do Teatro Principal o día de cada espectáculo dende unha hora antes do seu inicio.
Todos contan co 50% de desconto para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.