Pasear pola diversidade das músicas mediterráneas a través da voz de Maria Mazzotta

A artista italiana chega a Santiago ao abeiro da programación coa que Compostela Cultura conmemora o Día Europeo da Música e como parte do proxecto O que non se escribe

Maria Mazzota fotografada por Giulio Rugge

Orixinaria de Salento, no sur de Italia, Mazzotta fíxose un oco na escena musical europea coa exploración, revisión e recuperación das cancións tradicionais da rexión da Puglia. Na súa voz torrencial e cálida ecoan os sons diversos que poboan ese enclave bañado polos mares Xónico e Adriático, e na súa música conflúen melodías e ritmos mediterráneos que dende Italia nos levan a Grecia, Albania ou Croacia.
Este mércores, día 19 de xuño, ás 20.00 horas, Mazzotta chega ao Teatro Principal en concerto arroupada polo acordeonista Antonio de Luca. As entradas para o evento, enmarcado na programación coa que Compostela Cultura conmemora o Día Europeo da Música, teñen un prezo de 12 euros (con descontos para diferentes colectivos) e están dispoñibles na páxina web compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. Tamén poderán ser adquiridas no despacho de billetes do Teatro Principal o propio mércores dende as 19.00 horas. 

Na ampla bagaxe musical de Maria Mazzotta destaca a pertenza ao Grupo Canzionere Grecanico Salentino co que gravou 6 álbums e participou nos festivais internacionais máis relevantes. Ao longo da súa traxectoria, colaborou con artistas de sona como Bobby McFerrin, Ludovico Einaudi, Raül Refree, Goran Bregovic, Miguel Ángel Berna, Ballake Sissoko, Rocio Molina ou Carlos Saura. En 2020 lanzou o seu primeiro álbum en solitario, Amoreamaro, un canto á feminidade, a cabalo entre a tradición musical e a experimentación que a fixo percorrer Europa con 80 concertos en máis de 20 países En febreiro de 2024 estreou o seu segundo traballo, Onde, un disco travesía inspirado no mar, no movemento constante e na súa natureza de continuo cambio, no que a música e voz de Mazzota transitan do tormento da navegación á calma da arribada. Nos seus traballos e concertos, Mazzota mergulla o público nunha viaxe polas emocións da alma, co canto e a tradición popular como vehículo perfecto para experimentar a catarse, a forza, a desesperación, a soidade, o amor ou o esquecemento.

O imaxinario musical de Mazzotta estará tamén presente estes días nun paseo sonoro tecido polo proxecto O que non se escribe nas proximidades do Teatro Principal. Ao longo da rúa Nova, a cidadanía e visitantes de Compostela poderá descubrir 8 puntos provistos dun código QR para escanear e escoitar libremente cos auriculares un anaco dunha recolla de música tradicional. Entre elas, cóntanse catro gravacións achegadas por Mazzotta, tomadas na provincia salentina de Lecce, coas que poderemos descubrir parte do patrimonio tradicional que inspirou o traballo da artista italiana.
 

MÁIS INFORMACIÓN
  • Entradas dispoñibles na web e no despacho de billetes da Zona C
  • Á venda tamén no despacho de billetes do Teatro Principal o mércores dende as 19.00 horas