O programa Xogamos na Casa! leva ao edificio da rúa de Galeras unha nova sesión de xogos de balde para rapazada este sábado 19 de outubro, das 17 ás 19 horas
Xogamos na Casa! continuará até final de ano con novas sesións os días 9 e 24 de novembro e o 26 e 27 de decembro por conta de Xogos Miudiño, Garabato de Xogos e Xogos do Paporrubio
O ciclo Xogamos na Casa! volve esta fin de semana á Casa das Máquinas da man de Xogos Miudiño. O sábado 19 de outubro, das 17 ás 19 horas, a rapazada de 1 a 12 anos poderá redescubrir brinquedos clásicos como os zancos, os aros, a ferradura, ou o tiracroios alén de trebellos para a exploración musical e outros pequenos xoguetiños especialmente pensados para o público miúdo. A diversidade dos materiais que se empregan neste espazo de diversión permite brincar, experimentar e pór a proba habilidades de puntería, equilibrio, velocidade ou estratexia con diferentes xogos e xoguetes que van mudando para poder explorar novas posibilidades de enredo.
Xogamos na Casa! continuará até final de ano con outras catro sesións. Ao seu abeiro, Garabato de Xogos tomará o edificio de Galeras en dúas ocasións: o 9 de novembro (ás 17 horas) e o 27 de decembro (ás 11 horas), cun regueiro de trebellos para aguilloar a habilidade, a destreza, a coordinación e o enxeño da rapazada. Todos eles construídos grazas á reciclaxe de trastes que alguén considerou vellos pero que, no fondo, tiñan aínda moitas cousas que achegar. Xogos Miudiño repetirá o 24 de novembro ás 11 horas, e os Xogos do Paporrubio, farano o 26 de decembro ás 17 horas cun compendio de brinquedos autónomos e animados de temática agraria para dar a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna e facer accesible, a través da diversión en familia, unha cultura agraria que de por si adoita fascinar e marabillar.
Todas as sesión do Xogamos na Casa! forman parte do ciclo En Familia de Compostela Cultura e son de balde até completar capacidade e sen necesidade de reserva.