O Auditorio de Galicia acolle até o 6 de xaneiro 'Humor Líquido. Xaquín Marín', unha mostra que percorre e homenaxea a traxectoria do humorista gráfico e pintor galego
Comisariada por Xandre Marín e desenvolvida por Galiza Cultura, a mostra fía máis de 150 viñetas e pezas de diferentes disciplinas que dan conta do humor como un dos elementos distintivos da identidade galega
O acto de inauguración contou coas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, do presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, do comisario da mostra, Xandre Marín e do artista
A exposición Humor líquido. Xaquín Marín botou a andar este venres na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia para deitar unha ollada aos máis de sesenta anos de profesión do humorista gráfico, pintor, muralista, caricaturista e artista nacido en Fene en 1943.
O acto de inauguración contou coa presenza da alcaldesa Goretti Sanmartín, da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, do director-xerente do Auditorio de Galicia Xaquín López, do presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, do comisario da exposición Xandre Marín e do propio artista, para alén de membros da corporación municipal e numeroso público que se achegou ao Auditorio.
Na súa intervención, alcaldesa destacou de Marín “a renovación que introduciu na cultura galega a nivel formal e de contidos” así como “o seu compromiso ético coa nosa lingua, coa nosa cultura e coa nosa identidade”. Goretti Sanmartín convidou á cidadanía a visitar esta mostra arredor do traballo de quen “a través do debuxo se converteu en cronista de Galiza contemporánea, pois non hai tema que non trate, nin causa xusta ou reivindicación que non estea nas súas imaxes”.
Precisamente a respecto dos temas que tratou ao longo da súa obra e tirando de humor, Xaquín Marín declarou sentirse “un fracasado”, pois “quixen ser pintor, e non cheguei a ser un gran pintor: quixen ser debuxante de cómic, e tampouco cheguei a ser gran cousa, quixen ser debuxante de viñetas, e os temas que tratei, como a defensa da lingua, tamén fracasaron”. Con todo, Marín animou ás novas xeracións de debuxantes a “coller o facho” e seguir coa “teima” que compartiu con Reimundo Patiño, a de que “os humoristas gráficos teñen que ser galegos e, polo tanto, facer un humor gráfico galego, unha pintura galega, na temática e tamén na forma, na estética”.
Comisariada por Xandre Marín, a mostra chega a Compostela tras pasar pola Fundación Luis Seoane da Coruña e o Vello Cárcere de Lugo e froito do traballo que a federación de asociacións Galiza Cultura vén desenvolvendo dende 2022. A exposición no Auditorio, que amplía as mostras anteriores, escolma máis de 150 viñetas que se fían con debuxos e cadros, con correspondencias do artista con outros autores como Raimundo Patiño ou Perfecto Conde, co orixinal do manifesto “En defensa do humor” que asinou con Siro en 1983, e mesmo con homenaxes artísticas que lle renderon autores como o propio Siro, Pepe Carreiro, Carlos Silvar, Pinto e Chinto, Inés Vázquez ou Manel Cráneo, entre outros. A través destas pezas trázase un percorrido profesional e vital que nos traslada directamente á historia colectiva recente do país amosando o compromiso inequívoco do creador co pobo galego ao longo destas décadas.
Este tránsito polo universo creativo do prolífico autor, o humorista gráfico en activo de maior constancia nos últimos 50 anos, fará que o público se reencontre con personaxes e motivos esenciais na súa obra como Gaspariño, os pés, Isolino, o cacique don Augusto, Lixandre, Tonecho, Caitano ou os xinetes, tan característicos e definitorios e que durante toda a súa carreira tiveron gran protagonismo no labor descritivo das problemáticas sociais.
Xaquín Marín non esquiva a denuncia e as realidades sociais amosando a través dos seus traballos a situación da lingua, a reconversión naval, a explotación laboral, as loitas ecolóxicas, ou o caciquismo, retratadas desde a retranca, o humor e a ironía. A mostra, homenaxe á carreira do artista, estrutúrase en bloques temáticos (pintura, banda deseñada, personaxes, viñetas, cartelería, humor gráfico e arte) que permitirán ás persoas visitantes visitar polo miúdo a fecunda carreira deste imprescindible autor.
Humor líquido. Xaquín Marín poderá ser visitada até o 6 de xaneiro no Auditorio, de luns a domingo en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas con acceso de balde sen necesidade de reserva.
O autor
Xaquín Marín (Fene, 1943) é o cronista gráfico non oficial da Galicia popular dos últimos 50 anos cunha obra con base no compromiso social e nos valores humanistas que pode lerse como manual da nosa historia máis recente.
Humorista gráfico en prensa, onde publica de forma ininterrompida os últimos 35 anos, a súa obra abarca tamén a banda deseñada, a pintura, o deseño, o cartelismo, o muralismo ou a ilustración. A pintura é a súa verdadeira primeira vocación, a razón pola que aprende a debuxar. Nos catálogos da súas primeiras mostras define a súa arte como unha conxunción de ideas, debuxo e cor que trata de ser útil e espertar conciencias.
Crea Marín unha linguaxe única, innovadora e enraizada na tradición plástica galega e unha obra comprometida ideoloxicamente que promove o humor como un dos elementos distintivos do ser galego.
Desigualdade, violencia de xénero, desprotección dos colectivos minorizados fronte á xustiza, perigo de desaparición da lingua, o rural fronte ao urbano, os ricos fronte aos pobres, a emigración, os prexuízos de clase, o absurdo das guerras e da carreira armamentística, o caciquismo, os abusos de poder, a destrución do medio ambiente, a desprotección dos maiores, a protección do patrimonio, a deshumanización tecnolóxica... sempre do lado dos perdedores. Un fondo compromiso social que adquire ao entrar a traballar en Astano e ao tomar sentido da realidade sociolingüística de Galicia.
Animado pola boa acollida das súa primeiras exposicións de pintura e debuxos (en Fene e Pontedeume en 1967), marcha en 1968 a Madrid onde percorre museos e galerías, estuda clásicos e vangardas en vivo e consegue expoñer nas galerías Toisón e Redor. Polo seu interese en formar parte da Estampa Popular Galega, entra en contacto en Madrid con Reimundo Patiño, artista que será de grande influencia na súa obra.
Marín volve a Fene fortemente impactado por Reimundo. Comeza a bosquexar historias e envía as primeiras páxinas que fai a Chan (revista galega que se publica en Madrid). En marzo de 1971, no número 35, aparece "Exclusivo para Chan", O emigrante, a que hoxe está considerada a páxina fundacional da BD galega contemporánea.
Marín e Patiño son considerados pais do denominado "cómic galego": en 1975 cos ollos postos na cultura underground norteamericana, na BD experimental europea e na tradición plástica do país, editan 2 viaxes, o primeiro álbum de BD en galego.
O salto da BD a viñeta humorística chega axiña e de maneira natural. Marín considéraa incluso máis complicada que a pintura pola necesidade de conxugar imaxe e texto e teima por equiparala a calquera obra de arte. A principios dos noventa comezará a traballar nunha serie de debuxos de maior formato en acuarela á tinta.
En 1972 comeza a publicar viñeta de humor en La Codorniz e, ata a actualidade, ten a sorte de encadear colaboracións en diferentes publicacións como: Posible, Teima, Pueblo, SP, A Nosa Terra, Encrucillada, El Ecologista, O Ensino, Can sen Dono, Follas Secas, Xo!, Sapoconcho, La Golondriz, Retranca, O Farelo, Dimensión Humana, ECO ou Tempos Novos; porén, son os seus traballos para El Ideal Gallego (1975-1978) e La Voz de Galicia (desde 1988) os máis recoñecidos polo público.
Nas viñetas humorísticas é onde Marín desenvolve o seu estilo único: o branco e negro, o raiado, os inconfundibles globos de texto e a particularísima tipografía que é da súa autoría. Sen perder nunca de vista a Galicia, teima por facer un humor universal e atemporal. Como el mesmo di nunha viñeta de 1995: “Non vale a pena facer debuxos de actualidade, cando dás rematado xa pasou algo peor”.
Participa nos 80 no 1º Seminario Galego do Humor no Laboratorio do Castro, en Sada, con Isaac Díaz Pardo como anfitrión, evento que marca o inicio da segunda idade dourada do humor gráfico galego. É aquí onde se presenta o proxecto da revista Can sen Dono, da que Marín é colaborador habitual.
Xunto a Siro López, asina e redacta en 1983 o manifesto “En defensa do humor”, que serve de xerme para a creación do Museo do Humor de Fene que o propio Xaquín dirixe ata o 2008 e que desde 2022 leva o seu nome.
(Texto da folla de sala da exposición Humor Líquido. Xaquín Marín)