Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre encherán este sábado o Auditorio de Galicia

O concerto co que presentan en Compostela o álbum 'Axúdame a sentir' esgotou xa as localidades dispoñibles
Con este disco, o seu cuarto traballo conxunto, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre continúan coa recuperación e dignificación da música tradicional transmitida polas mulleres galegas 
 

O Auditorio de Galicia acollerá este sábado ás 20.30 horas a presentación en concerto de ‘Axúdame a sentir’, o novo traballo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. 
O cuarto álbum que presentan en conxunto foi publicado en febreiro e inclúe once temas que, aída continuando coa recuperación e dignificación da música tradicional transmitida polas mulleres do país, incorpora tamén novas sonoridades grazas á introdución de baixos ou guitarras eléctricas. Alén das de Adufeiras de Salitre, o disco inlúe outras voces portadoras de tradición como a da asturiana Marta Elola, ou a da bergantiñana Teresa dos Cucos alén de colaboracións varias como as de Manu Sija, Pedro Pascual,  Roberto Grandal, Iván Costas, Cibrán Seixo ou Susana Trigo.
Tras esgotar localidades en Vigo en Ourense, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre encherán o Auditorio de Galicia (o sábado) e o Teatro Colón da Coruña (o domingo) con este concerto que é unha celebracion colectiva da música en vivo pois, en palabras de Díaz: “O que acontece nun concerto é algo único e irrepetible: extínguese ao pechar o pano, mais á súa vez, é unha chama que prende e segue quentando o noso peito durante moito tempo. Ás veces acompáñanos toda unha vida”.