

· A cantadora de Mos presenta «Será por flores», o seu directo máis escénico baixo a dirección artística da Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento e acompañada pola banda de Pablo Novoa e por unha escolma de colaboradoras
· Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinha e As Mosas subirán canda Uxía o domingo 16 de marzo ao escenario da Sala Ángel Brage do Auditorio
· As entradas para o concerto están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C. Tamén se poderán adquirir dende unha hora antes do evento no Auditorio de Galicia
Uxía, unha das grandes voces da música do país e unha figura clave na preservación e difusión da nosa cultura, celebra 40 anos nos escenarios co novo directo «Será por flores», a súa proposta máis escénica ata a data. O vindeiro domingo 16 de marzo ás 20.00 horas, o Auditorio de Galicia acollerá o arranque de festa desta xira imprescindible para homenaxear a traxectoria dunha das artistas máis queridas da música galega.
De esquerda a dereita, Uxía, Míriam Louzao e Xaquín López
Así o presentaron este xoves en rolda de prensa a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López e a propia Uxía. Míriam Louzao salientou o labor desenvolvido ao longo destas catro décadas pola que cualificou como «embaixadora da nosa identidade musical», de quen destacou «levou a nosa lingua e as nosas tradicións a escenarios de todo o mundo, creando pontes entre culturas a través da fusión de sons atlánticos e lusófonos, nunha xenuína celebración e aposta pola diversidade».
A dicir do director-xerente do Auditorio, Xaquín López, con este concerto «non só celebramos a música senón que celebramos a súa personalidade e, sobre todo, a súa xenerosidade, porque se algo debemos destacar de Uxía, alén do seu evidente talento e calidade musical é a súa calidade humana, ese papel que xogou como tecedora de infinitas fontes entre todas as xeracións musicais de galegos e galegas».
En palabras da propia Uxía, «Será por flores» é «unha viaxe no tempo polas músicas que me inspiraron, e as músicas propias tamén, un concerto onde vou cantar aquelas cancións que marcaron unha etapa da miña traxectoria». A artista adiantou que o recital «vai ser diferente, cunha posta en escena moi coidada e innovadora dirixida pola Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento». No ámbito sonoro, Uxía salientou que «vai do máis íntimo ao máis coral, pois tamén me representa moito a música entendida como algo colectivo e como ponte entre distintas xeracións».
O directo contará cunha escolma de convidadas especiais que inclúen a Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinha e As Mosas (Chus e Ana Senlle). O concerto en Compostela servirá así de punto de partida da xira de celebración que a levará por múltiples escenarios ao longo do ano.
As entradas están dispoñibles (12 € con descontos do 50% para diferentes colectivos) na web de a web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (rúa do Preguntoiro, 1; aberta de martes a sábado de 11 a 14 h e de 16 a 19 h). Tamén se poderán adquirir dende unha hora antes do inicio do evento no Auditorio de Galicia.
Un xardín colectivo
Máis ca un concerto, «Será por flores» é unha viaxe ás raíces galegas de Uxía, ás súas composicións propias e ás músicas que a inspiraron. Cunha posta en escena coidada e innovadora, este espectáculo reflicte a evolución constante da artista, mantendo a súa liberdade creativa e explorando novas formas musicais e escénicas.
A escenografía de Carlos Alonso, a iluminación de Daniel Juncal e o son de Tito Ledesma crearán un universo visual e sensorial que transformará o escenario nun xardín de música e poesía. Cada canción será unha flor que Uxía desvelará con coidado, convidando o público a mergullarse nunha experiencia inmersiva e chea de emocións.
Da intimidade ao coral
O espectáculo evolucionará dende a intimidade ata o coral, cunha serie de convidadas especiais que marcaron o camiño artístico de Uxía. Sobre o escenario compartirán músicas e emocións artistas como Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinha e As Mosas (Chus e Ana Senlle).
A dirección musical estará a cargo de Pablo Novoa, acompañado dunha banda de músicos cómplices da súa traxectoria: Sérgio Tannus (guitarra, cavaquiño, viola caipira), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión), Pablo Novoa (guitarra eléctrica barítono)
Unha xira para celebrar a música
Uxía leva catro décadas construíndo pontes entre a tradición e a modernidade, cunha voz inconfundible e un estilo que transcende fronteiras. Neste concerto, a artista repasa os grandes fitos da súa carreira, interpretando temas icónicos e compartindo escenario con amigas e compañeiras de viaxe musical.
Coa palabra como eixo central e unha fonda vinculación coa lusofonía, Uxía revisará os seus traballos máis emblemáticos, desde Enredadas e Mulleres a viva voz ata as súas colaboracións con NARF ou Malvela. Tamén haberá espazo para o seu compromiso coa memoria histórica, a través de referencias a Novoneyra, Lorca, Rosalía de Castro e o seu traballo en Nunca Máis.
O concerto en Compostela promete ser unha noite chea de emocións, onde o público poderá gozar dunha proposta escénica única, cargada de sensibilidade e celebración. Uxía quere agradecer ao seu público o apoio incondicional ao longo dos anos, e esta será unha ocasión perfecta para devolver todo ese cariño cun espectáculo inesquecible.
De esquerda a dereita, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e Uxía.