Unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana bota a andar no Auditorio de Galicia

•    Do venres 8 ao sábado 9 a Sala Mozart acollerá sete faladoiros con profesionais do debuxo e a ilustración para afondar no seu proceso creativo
•    Ao longo das Xornadas, a ilustradora Blanca Escrigas realizará un mural en directo no corredor do Auditorio de Galicia 
 

De esquerda a dereita, Alán Ramiro, Pierre Amoudry, Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, Gemma Sesar, Blanca Escrigas, Iwona Flaszczynska e Daniel Pagáns.

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle dende este venres 8 de novembro unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana, un programa de conferencias de acceso de balde da man de artistas do debuxo e a ilustración que se desenvolve no marco do 7ª Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada. 
A alcaldesa Goretti Sanmartín, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e a coordinadora das Xornadas, Gemma Sesar, tomaron parte acto inaugural desta edición que volve achegarse ao proceso creativo de debuxantes e artistas da ilustración, desta volta da man de Iwona Flaszczynska, Pierre Amoudry, Alán Ramiro, Blanca Escrigas, Daniel Pagáns, Nacho Muñoz e João Catarino.

Goretti Sanmartín salientou a importancia deste encontro que en lugar de insistir na idea de Compostela como “fin do camiño” a retrata “como un comezo, unha efervescencia de ideas, desacougos e inquedanzas, de xente que vén a pintar e debuxar, a aprender e a tecer redes sólidas de amizade”. A alcaldesa apuntou tamén cara á calidade do tipo de visita que estas Xornadas e o seu marco, o 7ª Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela ilustrada, favorecen, en consonancia cun “turismo lento” que dá a ese retrato da Compostela ilustrada unha “gran cantidade de matices e de diferenzas que teñen que ver co ollo da persoa que os mira”.

Goretti Sanmartín e Gemma Sesar

Gemma Sesar agradeceu o apoio das entidades colaboradoras nunha nova edición destas Xornadas que serven de complemento ás sesións e talleres matutinos de Compostela Ilustrada, brindando ás asistentes a oportunidade de dar descanso aos lápis e pinceis para coñecer de primeira pan o proceso creativo de profesionais do eido. 
O programa das Xornadas de Ilustración Urbana inclúe en 2024 sete conferencias con acceso de balde para toda a cidadanía e visitantes de Compostela. A ilustradora polaca Iwona Flaszczynska foi a encargada de abrir esta serie de faladoiros con Da observación á interpretación. A seguir, o ilustrador francés Pierre Amoudry conducirá o público a través dunha Viaxe polas cores e pechará as conferencias do venres o estadounidense Alán Ramiro con Cando ti te transformas, a túa arte tamén se transforma. 
A artista valdoviñesa Blanca Escrigas abrirá as sesións do sábado cunha conferencia arredor do Muralismo Ilustrado. A continuación, o catalán Daniel Pagáns afondará no seu proceso creativo na intervención Os meus cadernos. Os meus camiños. Seguirá o creador murciano Nacho Muñoz cunha Viaxe a través da acuarela e pechará as Xornadas o ilustrador lisboeta João Catarino cunha intervención titulada O claro o difuso e o baleiro. 
No transcurso das dúas xornadas, Blanca Escrigas elaborará en directo un mural no corredor do Auditorio.

A Universidade debuxada en cadernos de viaxe
Ademais das Xornadas de Ilustración Urbana, abertas á cidadanía compostelá e ás persoas visitantes, o sétimo Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada ofrece ata o 10 de novembro actividades específicas para 120 ilustradoras e ilustradores que esgotaron no mes de xullo as prazas dispoñibles. Baixo o lema ‘Volver á Universidade’ esta nova edición retratará edificios históricos da USC como o Pazo de Fonseca, o Colexio de San Xerome que abeira a Reitoría, as Facultades de Medicina e de Xeografía e Historia ou a Igrexa da Compañía. As persoas participantes no encontro achegaranse tamén aos espazos abertos, residencias e facultades do Campus Vida alén doutros edificios ligados á institución como a Casa Europa ou o Museo de Historia Natural.

>>Máis información na web de Compostela Ilustrada