TROMSØ: unha viaxe íntima máis alá da perda da man de Morraoconto

Rafa Martínez escribe e co-dirixe con Esther Latorre este espectáculo, o primeiro da compañía, que combina teatro poesía e danza coa música en directo de Julia Ammerman e Manuel Fernández · Miguel Gendre, Lara Pouso e Lidia Veiga prestan corpo e voz ás personaxes desta peza que chega o venres 4 de abril ás 20.30 horas ao Teatro Principal · As entradas para o espectáculo están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural

“Cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, nalgúns casos, nunca conseguimos facer desaparecer”. Esa é a premisa de partida de Tromsø, o primeiro traballo da compañía Morraoconto que se presenta este venres 4 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal. Poesía, teatro e danza conflúen nun espectáculo que mergulla o público nunha viaxe reflexiva e humorística dende a perda cara á esperanza; nunha travesía épica polos mares no Norte, entre tormentas, fiordes, candorcas e auroras boreais, para desfacerse da dor.

Con texto e dramaturxia de Rafa Martínez, quen ademais codirixe a obra con Esther Latorre, Tromsø conta cun elenco de intérpretes e bailaríns conformado por Miguel Gendre, Lara Pouso e Lidia Veiga, acompañados da voz en off de Alba López. Julia Ammerman e Manuel Fernández poñen música en directo a unha obra con dirección coreográfica e movemento de Esther Latorre, deseño de iluminación de José Faro «Coti», animacións de Rafa Martínez, máscaras de Rafa Rey e escenografía e vestiario de A Compañía / Ana Gesto.  Ao remate do pase, a sesión de posfunción permitirá ao público coñecer os detalles da creación deste traballo en conversa co seu equipo creativo. 

A obra forma parte do foco Memoria en Escena de Compostela Cultura e conta co apoio co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Ames, o Concello de Vimianzo, e CEMMA Cetáceos.

Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para o espectáculo (12 euros con descontos para os diferentes colectivos) que poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C ademais do propio venres a partir das 19.30 horas Teatro Principal.