A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá esta ópera de cámara para soprano, guitarra eléctrica e paisaxes sonoras o martes 4 de febreiro ás 20.30 horas
Con texto de Alfonso Zurro, dirección escénica de Ricardo Campelo, composición, dirección musical e guitarra eléctrica de David del Puerto, o espectáculo conta coa voz de Ruth González e Blanca Valido e coa viola de Ana María Alonso
O acceso a esta representación, que se integra no ciclo Contemporáneas, é libre até completar capacidade
A cita mensual coas Contemporáneas ofrece esta semana unha noite de ópera. O martes, 4 de febreiro, ás 20.30 horas, a compañía Teatro Xtremo presentará no Auditorio de Galicia A solas con Marilyn, unha ópera cámara para soprano, guitarra eléctrica e paisaxes sonoras.
O dramaturgo, director de escena e pedagogo Alfonso Zurro asina o libreto desta peza que parte dun suceso bastante habitual, a separación dunha parella, e que desemboca nunha gran variedade de vivencias e tormentas emocionais para os implicados que vivirán, cada un á súa maneira as circunstancias dese final. A solas con Marilyn móvese entre mitoloxías: unha clásica que chega a través da antiga Grecia e que, dende os albores do teatro, volve á escena unha e outra vez, mergullando o público no desconcerto e estupor máis absolutos; outra contemporánea, que xorde dende a forza das imaxes que crean esas outras mitoloxías ou mitomanías actuais.
Ricardo Campelo asume o deseño e a dirección escénica deste espectáculo que non é só unha ópera sobre a traizón e a autodestrución, senón tamén unha visión de como os mitos contemporáneos inflúen sobre a nosa percepción social da realidade.
A música de David del Puerto, coñecido pola súa capacidade para hibridar estilos contemporáneos con técnicas clásicas, é un elemento chave na representación da ópera. A súa composición reflicte fielmente os altibaixos emocionais da protagonista, desde a angustia ata a introspección. En escena, a soprano Ruth González (Ela) e a mezzosoprano Blanca Valido (Lina) cantan o seu drama sobre o tapiz tecido por unha viola, a de Ana María Alonso, e unha guitarra eléctricas, a de David del Puerto. O conxunto complétase cun mundo invisible de sons electrónicos gravados, que agroma repetidamente a modo de orquestra irreal. Os dous instrumentos en vivo manexan, á súa vez, procesadores de son que os estenden e tecen un conxunto politímbrico que tende pontes entre a voz presente, humana, e o mundo imaxinario, virtual da electrónica.
A solas con Marilyn é unha coprodución de Teatro Xtremo e a Ópera de Tenerife, co apoio do Festival de Ópera de Cámara da Comunidade de Madrid, Ópera en Minúscula e Proxecto Verdi. Desenvolvida na Residencia de creación do Teatro Auditorio San Lorenzo de El Escorial, foi estreada en xullo de 2024 no Festival de Ópera de Cámara da Comunidade de Madrid.
A súa presentación en Compostela prodúcese no marco do ciclo Contemporáneas, unha iniciativa que procura dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes. O concerto é de balde até completar a capacidade da sala.
Teatro Xtremo
A compañía, na actualidade con sede en Madrid e liderada polo dramaturgo e director Ricardo Campelo Paravides a soprano e actriz Ruth González naceu como colectivo en 2002. As súas creacións caracterízanse por valerse de técnicas plásticas e escénicas, que conviven e se complementan. Rachando os límites, transitan distintas linguaxes para expresar os paradoxos do noso presente.
A adicción, a fe, a dor e o consumismo son algúns dos eixos das súas creacións, que a crítica cualificou como «turbadoras, transgresoras e irónicas», entre elas: Talento desperdiciado, LÍRICA+, Indagación filosófica sobre el origen de nuestras ideas acerca de lo sublime y de lo bello, Arte nuevo de hacer comedias en este tiempo, Oblivion o cisnes que se reflejan como elefantes, La imposibilidad física de la muerte en la mente de alguien vivo, Liberación mediante la comprensión del estado intermedio, San Lorenzo Mártir e Opus.
Entre 2005 e 2015, dirixiron en Xaén o Espazo TX, dende o que desenvolveron unha programación estable e varias edicións de festivais referentes da escena contemporánea como o Xaén Subterránea, Alieníxenas ou Mecánica.
Os integrantes da compañía colaboran como docentes con diversas universidades e institucións como a Universidade Autónoma de Madrid, a Universidade Internacional de Andalucía, a Universidade de Xaén, o Centro Andaluz de Teatro, o Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e o Instituto Andaluz da Muller, entre outras moitas.