• Ao máis puro estilo shakespeariano, Eduardo Alonso asina e dirixe unha traxedia antibélica aderezada de ironía que, ao tempo que entretén, move o público á reflexión
• O espectáculo de Teatro do Noroeste preséntase o venres 17 ás 20.30 horas no Teatro Principal, e terá unha segunda función, o sábado 18 de xaneiro, que irá seguida dunha sesión de conversa entre a compañía e o público
• Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, protagonizan esta peza que conta con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso
A compañía galega Teatro do Noroeste será a encargada de abrir este venres a nova temporada teatral de Compostela Cultura. Farao ás 20.30 horas no Teatro Principal coa primeira das representacións de Guerra, o último traballo da compañía, que terá tamén un segundo pase o sábado 18. O escenario dese mesmo teatro acubillou este xoves unha rolda de prensa para a presentación desta estrea absoluta que contou coas intervencións do director xerente do Auditorio de Galicia Xaquín López, do director da AGADIC Jacobo Sutil, do autor e director da peza Eduardo Alonso, da produtora executiva de Teatro do Noroeste Eva Alonso e do actor Xavier Estévez en representación do elenco da peza. O espectáculo producido por Teatro do Noroeste, conta co apoio do Concello de Santiago, a través de Compostela Cultura, do Concello de Ames e da Axencia Galega das Industrias Culturais, por medio das súas axudas á creación escénica e como parte das obras que fan parte do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Xaquín López convidou o público a gozar deste espectáculo de gran formato que inaugura tamén o foco que Compostela Cultura dedica en 2025 a esta lonxeva compañía teatral galega, e no que se inclúe a representación da peza Gloria Nacional no mes de maio.
O autor e director da peza, Eduardo Alonso, agradeceu o apoio das diferentes institucións a este espectáculo que, apuntou, “comecei a escribir no momento en que souben as tropas rusas bombardearan o teatro de Mariúpol en Ucraína. Nese momento pensei que o teatro tiña que dicir algo sobre diso, porque unha das súas funcións é establecer compromisos coa realidade. Isto levounos a montar Guerra para falar de todas as guerras que nos asolan”. Así, Guerra transporta o público a un edificio teatral totalmente destruído polo bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa, onde comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices: Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez. As incontables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución que moven á reflexión sobre o conflito e sobre as súas representacións teatrais.
Con música de de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso, o espectáculo é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas. En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso, a obra “trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta ‘guerra’ de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”.
As entradas para ambos os pases da peza, o venres 17 e o sábado 18 de xaneiro ás 20.30 horas no Teatro Principal, poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). En caso de existir aínda butacas dispoñibles, tamén poderán mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal o venres e o sábado dende as 19.30 horas. Tras o pase do sábado haberá una posfunción con integrantes do equipo, para que as persoas asistentes poidan coñecer de primeira man o proceso creativo que fixo posible este novo traballo da compañía.
Foco Teatro do Noroeste
A programación escénica de Compostela Cultura distingue en 2025 a traxectoria de Teatro do Noroeste, compañía á que dedica un dos seus tres focos temáticos. Alén das dúas representación de Guerra no mes de xaneiro, a axenda teatral do semestre inclúe en maio un pase de Gloria Nacional, tamén dirixida por Eduardo Alonso e coas interpretacións de Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela. As entradas para o espectáculo, programado o 24 de maio ás 20.30 horas no Teatro Principal, poden ser adquiridas xa na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C.
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas destacan textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Pierre-Augustin Caron de Beaumarchais; e outros máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camus; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.