

A primeira asociación de tocadoras galegas promove na tarde do 17 de maio a segunda Xornada Pública Somos Pandeireteiras, apoiada polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura
Nas vindeiras semanas abrirase a inscrición para participar no encontro e darase a coñecer a súa programación completa en somospandeireteiras.gal
A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública o sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas. A cita, apoiada polo Concello de Santiago de Compostela a través de Compostela Cultura, celebrarase no Auditorio de Galicia en horario de tarde, coa fin de favorecer a asistencia do maior número de tocadoras tanto ao encontro como á foliada posterior, aberta á cidadanía.
Somos Pandeireteiras naceu en 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu un libro homónimo editado por Xerais no 2024 así como a constitución da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas.
Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man de Compostela Cultura, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia. Nun primeiro momento, de 15.30 a 20.00h, celebrarase un encontro con mesas redondas e de traballo, cuxa participación será gratuíta previa inscrición a través do portal web www.somospandeireteiras.gal Unha vez aconteza o peche deste encontro, celebrarase unha gran foliada aberta á veciñanza.
A Xunta directiva de Somos Pandeireteiras, conformada por Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar de Bouzas, lembra que a esta gran foliada poderán asistir todas aquelas persoas que así o desexen de calquera punto de Galicia, sen outra intención que bailar e festexar, a través da música, o papel das tocadoras na transmisión da lingua e da tradición oral.