Sergio Marey gaña o Décimo Terceiro Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis

A súa obra Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes válelle o primeiro premio do certame, dotado con 6.000 euros
Laure Mojo acada o segundo premio, dotado con 3.000 euros, pola peza Historia da nosa arte e Breogán Xague recibe o terceiro dos galardóns, cunha dotación de 2.000 euros, por Fun abalar a pedra que está no medio do mar

De esquerda a dereita,  Breogán Xague (terceiro premio), Sergio Marey (primeiro premio) e Laure Mojo (segundo premio).

A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolleu este mércores o acto de inauguración da exposición das obras finalistas do Décimo Terceiro Premio do Auditorio de Galicia para Artistas Noveis. A alcaldesa Goretti Sanmartín, a concelleira de Capital Cultural e presidenta do xurado dos premios, Míriam Louzao, o director-xerente do Auditorio Xaquín López, a responsable de exposicións Chus Busto e as persoas integrantes do xurado desta edición tomaron parte neste acto que serviu ademais para dar a coñecer as propostas gañadoras do certame.  

En 2023, o xurado conformado pola concelleira Míriam Louzao, a artista e docente da Universidade de Vigo Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, a escritora e crítica de arte de El Cultural María Marco Covelo, o ex-director de actividades públicas do Museo Reina Sofía Germán Labrador Méndez e a comisaria independente Oliva María Rubio distinguiu co primeiro premio a proposta artística de Sergio Marey (Pol, 1997). Titulada Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, a peza que lle valeu este premio dotado con 6.000 euros é un traballo en barro de Buño, madeira, metal, corda, ladrillo e ceras de cores que afonda na violencia ascendente experimentada nos últimos anos polo colectivo LGBTIQA+ e que se erixe como monumento de memoria ás vítimas.
 
Na presentación a obra, Marey salienta que “os cruceiros son representacións da arte popular a través dos cales os galegos representaban diferentes fitos como mortes violentas, lugares de culto pagáns, agradecemento... Simbolizan feitos de carácter cristián ou non, mais utilizan a relixiosidade como expresión e atopan nela maneiras de subverter os dogmas impostos. Deste mesmo xeito tomo a relixión e os seus elementos para representar o colectivo, pois dentro dela existen diversas persoas santificadas e/ou veneradas con sexualidades e xéneros diversos. Trátase dun xeito de amosar que sempre fomos representades, sexa na relixión, na arte, na cultura... e que xa que logo sempre existimos malia a que nos queiran ocultar” 

O segundo premio, cunha dotación de 3.000 euros, recaeu en Laure Mojo (O Pino,1985) pola obra Historia da nosa arte. A súa instalación, que une fotografía abstracta e documental, debuxo e obra audiovisual, presenta un retrato documental do deterioro físico e mental de seu pai que convida á reflexión sobre o relato da historia da arte e a construción da memoria. 

Na descrición da proposta, Moje apunta: “Interésame a relación entre pintura e fotografía. Introduzo imaxes de meu pai e da intimidade familiar nalgunhas obras pictóricas, facendo converxer así dúas realidades distintas, ficción e non ficción, que se fusionan a través da cor e dan lugar a un espazo deconstruído e dividido en catro partes diferenciadas: ficción (pintura), realidade (fotografada), realidade oculta (o que non se ve pero sabemos que está presente na acción principal do cadro) e marco contextual (que nos sitúa dentro ou fóra)”.

Finalmente, a peza Fun abalar a pedra que está no medio do mar valeulle a Breogán Xague (Vigo, 1999) o  terceiro premio, dotado con 2.000 euros. Trátase dunha instalación escultórica e sonora con variñas de ferro, altofalantes e arquivo de audio que recolle o nome dunha copla do Alalá de Muxía para establecer unha relación artística entre a Pedra de Abalar e a lingua galega. O artista explícaa deste modo: “Eu nunca vin a Pedra de Abalar de Muxía moverse. Sei que producía, de cando en vez, un son profundo e recoñecible, que a xente choutaba sobre ela para intentar provocalo. Pero a pedra rachou sendo eu moi novo e nunca puiden escoitar ese resultado, soamente vivín a repetición dos xestos cos que se procura ese movemento. Así, a miña relación con ese elemento identificativo da nosa paisaxe non é o dunha experiencia cun principio e un final, é o de unha busca. Coma no caso da lingua, houbo un proceso de transmisión crebado que atopou un xeito de transformarse para continuar participando dunha comunidade. O valor da pedra xa non é que de cando en vez abale, é que hai un grupo de xente que sabe que adoitaba facelo; a memoria dese son tamén soa”. 

Tras a entrega de galardóns, o público asistente puido visitar a mostra Décimo Terceiro Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, unha escolma de 33 traballos que o xurado seleccionou entre as 83 propostas que concorreron ao premio, e que permanecerá no Auditorio de Galicia até o 25 de febreiro. Nela, poderemos atopar as creacións orixinais e inéditas de Alén do Cascallo, Maruxa Alonso Gago, Cristian Álvarez Mejuto, Nato Brandariz, Cabanes Fontao, Catara Rego, Colectivo Cadela Negra, Nerea Cordeiro, Iria Cortizo, Marcos Covela, Marcos Covelo, Andrea Davila Rubio, Diego Del Río, Edu, Carlos Fer, Adrián González Salgueiro, Antía Iglesias, Lacopi, Sergio Marey, Manuel Mata Piñeiro, Laure Mojo, Joán Morera Arbones, Sol Mussa, Alejandra Pardo, Manuela Pita Vidal, Mar Ramón Soriano, Alejandro Rego, Aram Ríos, Fran Rodríguez Casal, Borja Santomé Rodríguez, Susana, Verónica Vicente e Breogán Xague.

De periodicidade bienal, a convocatoria dos Premios Auditorio de Galicia para Artistas Noveis procura fomentar os valores culturais e a promoción de artistas emerxentes do país, estimular o seu labor creador e apoiar e incentivar a creación e difusión das súas obras. Circunscrito ao ámbito autonómico, o certame diríxese a artistas de traxectoria non consolidada co albo de ampliar a súa visibilidade e contribuír ao enriquecemento e coñecemento da creación contemporánea e ao patrimonio cultural galego.