O xurado destacou o nivel amosado polor María Camila Barbosa, Bernat Quetglas, Constança Simas e Sebastian Zinca durante o proceso de selección
A Real Filharmonía de Galicia culminou este xoves o proceso de selección de dirección asistente para o ano 2024 cun concerto no Auditorio de Galicia. Catro batutas chegaron á fase final desta convocatoria a que concorreron 111 participantes procedentes de diferentes países. Nun recital aberto ao público de Compostela, María Camila Barbosa, Bernat Quetglas, Constança Simas e Sebastian Zinca dirixiron a orquestra na súa interpretación da 2º Sinfonía de Ludwig van Beethoven, a Schattenhaft de Hugo Gómez- Chao e Dumbarton Oaks, de Igor Stravinski, as composicións coas que viñeron traballando ao longo destes días. Ao remate da actuación, o xurado anunciou a elección de Sebastian Zinca como novo director asistente da RFG.
O tribunal, composto por Baldur Brönnimann, director principal e artístico da RFG; Sabela García Fonte, directora técnica; e James Dahlgren, concertino da orquestra, destacou o gran nivel amosado polas finalistas ao longo do proceso
Sebastian Zinca
Estadounidense con ascendencia peruana e romanesa, Zinca completou os seus estudos de dirección na Academia Sibelius de Finlandia como alumno de Sakari Oramo. Como parte da súa formación, dirixiu case todas as orquestras importantes de Finlandia, onde debutou como director convidado coa Orquestra Sinfónica de Oulu. No ano 2021 recibiu a medalla de prata no Terceiro Concurso Internacional de Dirección Antal Doráti de Budapest (Hungría).
Ademais, foi bolseiro de dirección na Academia do Festival de Lucerna, onde traballou durante tres semanas de forma intensiva en música contemporánea, e no Festival de Música de Aspen. Tamén actuou con orquestras dos Estados Unidos, Finlandia, Alemaña, Hungría, Romanía, España, Italia e a República Checa.