Sarabela Teatro presenta en Compostela ‘Made in Galiza’

A compañía ourensá ofrece no Teatro Principal dúas funcións desta adaptación escénica de relatos da novela homónima de Séchu Sende. Dirixida por Fina Calleja a partir dun texto que coasina con Fernando Dacosta, a obra conta cun elenco conformado polo propio Dacosta, canda Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto.

De esquerda á dereita, Josito Porto, Sabela Gago, Fernando Dacosta e Elena Seijo nunha escena de Made in Galiza

Ás portas do Día das Letras, a reivindicación da lingua galega toma o escenario do Teatro Principal con Made in Galiza, unha montaxe que Sarabela Teatro constrúe a partir da novela do mesmo título que Séchu Sende publicou en 2007 e que lle valeu ao autor padronés o Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano da Asociación Galega de Editores (AGE).

Fernando Dacosta e Fina Calleja asumen a adaptación teatral desta obra literaria que leva ás táboas cuestións vencelladas á sociolingüística dende unha aproximación a un tempo cómica e crítica e que, a dicir da compañía: “abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove”. Calleja é tamén a directora da montaxe teatral que protagonizan o propio Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto na interpretación de personaxes combativos e retranqueiros que prestan corpo e voz á unha “acérrima defensa da lingua galega”. 

O público de Compostela poderá gozar da proposta até en dúas ocasións esta semana. A primeira delas será o xoves, día 16 de maio, ás 20.30 horas nun pase que irá seguido dun coloquio co equipo responsable de Made in Galiza. A segunda oportunidade chegará o propio Día das Letras Galegas, o venres 17 de maio, tamén ás 20.30 horas. As entradas para ambas as funcións, a un prezo de 12 euros (con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) están xa dispoñibles na páxina web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). Tamén poderán ser adquiridas no despacho de billetes do Teatro Principal o día de cada espectáculo a partir das 19.30 horas.

Integrada na Rede Galega de Teatros e Auditorios a obra Made in Galiza visitará tamén esta semana os teatros de Verín e Bueu. 
 

MÁIS INFORMACIÓN