AVISO: Queda cancelada a función prevista para o venres 8 pois a compañía secundará a Folga de Mulleres convocada ese día. (Xa se devolveron os cartos ás persoas que mercaron a entrada pola web; as que o fixeron pola billeteira, deben achegarse alí coas entradas para que se lle reembolse a cantidade).
A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá a estrea absoluta de ‘Idiota’ de Redrum Teatro, acompañada do director do espectáculo, Álex Sampayo, e os seus dous protagonistas: Machi Salgado e Susana Sampedro. A estrea será mañá, mércores 6 de marzo, no Teatro Principal ás 20.30 h e repetirase función o xoves 7 á mesma hora. Inicialmente estaba prevista tamén unha función o venres 8 de marzo pero a compañía decidiu cancelala para secundar a Folga de Mulleres prevista para ese día.
‘Idiota’ é unha comedia negra escrita polo dramaturgo catalán Jordi Casanovas, que trata sobre a presión e a inxustiza que, na actualidade, exerce o sistema político e económico sobre os individuos. Está protagonizada polos actores Machi Salgado e Susana Sampedro, caras ben recoñecibles polo público galego polos seus traballos en teatro e tamén en series de televisión como “Fariña”, “Dalia a Modista” ou “El Faro”.
Unha mañá, Carlos Varela, por fin cre que a súa sorte mudou: un anuncio ofrece unha chea de cartos a cambio de someterse a unha serie de probas psicológicas. Recíbeo unha atractiva doutora de orixe alemá. Comenzan as preguntas e comenza a comedia… Unha comedia que non tarda en ennegrecerse atrapando ao protagonista e ao público nunha perversa tea de araña.
A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que dirixiu series como “El Internado”, “Padre Casares” ou a premiada longametraxe “Schimbare” protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.
Redrum Teatro é unha compañía fundada no 2009 que xa levou aos escenarios a obra de suspense “A Pensión”, protagonizada por Rosa Álvarez; os espectáculos familiares “Moito Conto”, “Roedores”, “A Nena Que Quería Navegar” e “Contos do Recreo”; as comedias “Curriculum Vitae”, “Amor Flexible” e “Noiteboa”; así como os dramas “A Canción do Elefante” e “Invisibles”.
#posfuncion tras a representación do xoves 7
O Club C! é unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelá. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais e dentro delas están as #POSFUNCION nas que os/as convidados/as, persoas con relación coas temáticas tratadas nas pezas, ofrecerán o punto de vista práctico, serán quen contraste o que a obra conta, o que “quere dicir” con como se vive desde a realidade do presente esas mesmas situacións. A partir de aí, o debate estará aberto ao público asistente e aos elencos artísticos. A #posfuncion de’Idiota’ celebrarase ao remate da representación do día 7.