A Real Filharmonía de Galicia rende homenaxe á compositora finesa Kaija Saariaho e a outros mestres exiliados

Baldur Brönnimann tomará de novo a batuta da orquestra nun recital que contará coa participación do clarinetista Kari Kriiku e que inclúe no programa obras de Erich Wolfgang Korngold e Kurt Weil. O concerto arrancará o xoves 15 ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia e aínda hai entradas dispoñibles no despacho de billetes da Zona C e na web de Compostela Cultura

No programa da súa tempada ‘Migracións’, a Real Filharmonía de Galicia dirixe a mirada cara á obra de compositoras e compositores que sufriron persecucións, exilios ou desprazamentos e que se viron na necesidade de buscar sorte lonxe das súas terras. O concerto ‘Dende o inefable’, programado este xoves 15 ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, tece así os traballos da finesa Kaija Saariaho, o checo Erich Wolfgang Korngold e o alemán Kurt Weil para nos embarcar nunha viaxe sonora baixo a dirección de Baldur Brönnimann e coa participación do clarinetista Kari Kriikku como solista convidado.

A riqueza tímbrica da música instrumental de Kaija Saariaho (Helsinki, 1955- París, 2023) plásmase en D’om le vrai sens, un concerto para clarinete e orquestra que abre o programa da noite cunha estrutura en 6 movementos que se corresponden cun percorrido polos sentidos. A seguir, o público do Auditorio terá a oportunidade de escoitar Tema e variacións Op. 42, o penúltimo traballo de Erich Wolfgang Korngold (Berno, Chequia 1897-Los Ángeles, EUA, 1957), compositor que emigrou aos EUA para fuxir do nazismo e cuxo traballo na música para cinema lle valeu grande recoñecemento e dous premios Óscar. O concerto péchase coa Sinfonía núm. 2 de Kurt Weill (Dessau, Alemaña, 1900 - Nova York, EUA, 1950), unha peza escrita entre Berlín e París e na que o compositor, coñecido polo seu talante reivindicativo a prol do compromiso ético a través da música, mestura un tono sombrío e mordaz que a crítica ten lido como froito do seu descontento político.

Antes do concerto, ás 19.45h, Baldur Brönnimann participará nun faladoiro aberto ao público nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con...’. que terá lugar na Sala Mozart do Auditorio.

O recital ‘Dende o inefable’ forma parte do programa de abono da Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio de Galicia para o período 2023-24. As entradas individuais para este concerto (cun prezo de 18 € e descontos do 50% para diferentes colectivos) poden mercarse no despacho de billetes da Zona C (de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas), na web de Compostela Cultura e no Auditorio de Galicia (o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Tras a actuación en Compostela, a Real Filharmonía de Galicia levará o programa á Coruña, na que constitúe a súa única visita a cidade nesta tempada. Será o venres 16 de febreiro, ás 20.00 horas no Palacio da Ópera.