A Real Filharmonía de Galicia participa en Cineuropa coa interpretación da banda sonora de O Inmigrante de Charles Chaplin

Ademais da película proxectada, ofreceranse obras de Nino Rota e a estrea en España da Serenata Húngara de Miklós Rózsa

A Real Filharmonía de Galicia súmase esta semana á celebración da 37ª edición de Cineuropa, a cita cinéfila por excelencia de Compostela. Será cun concerto este xoves 16 ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia no que se interpretará a banda sonora da película O Inmigrante, de Charles Chaplin baixo a dirección de Timothy Brock, compositor da música desta produción no ano 2012.

Ademais do filme, a Filharmonía interpretará o Ballabili da película Il Gattopardo, composta por Nino Rota, cunha selección de movementos escollida polo propio director. A orquestra tamén tocará a Serenata Húngara, op. 25, de Miklós Rózsa, o que suporá a estrea en España desta obra dun dos compositores europeos máis recoñecidos que puxeron o seu talento ao dispor do cinema de Hollywood.

No filme que se proxectará, Charles Chaplin interpreta un inmigrante que chega aos Estados Unidos. Durante a travesía coñece a unha moza que acompaña a súa nai enferma e arruinada á que intenta axudar pero é acusado falsamente de querer roubarlle.

Especialista en cinema mudo
Timothy Brock é un director e compositor especializado en obras de concerto de principios do século XX e representacións en vivo de cinema mudo. Considerado un dos máis importantes expertos en música de cinema deste xénero, as súas contribucións máis destacadas neste campo son as súas restauracións e as edicións publicadas da única partitura de cinema mudo de Dmitri Shostakóvich, A nova Babilonia; a épica italiana de Manilo Mazza, Cabiria; ou a popular partitura de George Antheil para o Ballet mecánico. Ao longo de trinta anos, Brock escribiu 27 partituras orixinais para cinema mudo.

Ademais, está especializado en composicións de Charles Chaplin, que comezou en 1998 cando lle encomendan a restauración da partitura de Tempos modernos. Desde entón restaurou 12 longametraxes mudas de Chaplin e partituras curtas ata que finalizou o traballo en 2012.

Entradas á venda
As entradas para este concerto incluído dentro da programación de Cineuropa atópanse á venda a un prezo de 15€. Poden adquirirse na billeteira do Auditorio de Galicia e Zona C ou na web compostelacultura.gal.