A Real Filharmonía de Galicia interpretará seis novas obras sinfónicas seleccionadas no seu Obradoiro de Composición

Entre os días 29 de abril e 3 de maio, os compositores e compositoras ensaiarán, xunto á orquestra, e recibirán a titoría do director artístico da RFG, Baldur Brönnimann, e do compositor Ramón Lazkano. O concerto final será aberto ao público, con entrada gratuíta, e terá lugar o venres 3 de maio ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia

Dentro do seu compromiso coa nova creación sinfónica e coa nova xeración de compositoras e compositores, a Real Filharmonía de Galicia promove esta semana un obradoiro de composición no Auditorio de Galicia. Do 29 de abril ao 3 de maio, as autoras e autores participantes, cuxas obras foron previamente seleccionadas polo equipo técnico da orquestra, terán a ocasión de ensaiar xunto á RFG e recibir orientación de Baldur Brönnimann, director artístico e titular da formación, e do compositor Ramón Lazkano.

As obras escollidas foron Implosión de Jorge Enrique Díaz Palma; Cadencia de Marius Alexander Díaz Moreno; Faramontaos 1952 de Mario García Cortizo; Thoughts de Skye García Perea; Sinfonía nº 1, op. 2 de Jan M. Tassani e Élan de Carlos Nuñéz Medina.

Unha vez rematada a semana e tras perfeccionar a interpretación das distintas obras, no día 3 de maio realizarase un concerto aberto ao público para presentar o resultado do desenvolvemento destas composicións inéditas. O espectáculo desenvolverase ás 20:30 h na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia con entrada libre até completar capacidade.