O director titular da orquestra Baldur Brönnimann levará a batuta neste primeiro concerto da temporada 2024-25 no que ecoará unha das obras da compositora residente, Raquel García-Tomás
O Auditorio de Galicia acolle este xoves ás 20.30 horas o primeiro concerto da nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, que leva por título 'Inconformistas'. Durante os próximos meses, a orquestra porá o foco en compositoras e compositores que ousaron desafiar as normas establecidas abrindo novos territorios sonoros.
No programa do xoves, titulado Estrelas Fantásticas, o público asistente terá a oportunidade de gozar da Sinfonía Fantástica, op. 14 do gran experimentador da tímbrica que foi o mestre, Hector Berlioz, ao tempo que se achegarán tamén ao presente a través da figura da compositora residente da RFG, Raquel García-Tomás e da súa obra Las constelaciones que más brillan. O recital complétase co Concerto para violín e orquestra núm. 2, op. 61. de Karol Szymanovski.
Nesta actuación, a Real Filharmonía de Galicia acompáñase da violín solista, Alena Baeva, aplaudida en publicacións internacionais como New York Classical Review pola súa "presenza magnética" e a súa “técnica de son constantemente fascinante”. A violinista é considerada unha das solistas máis versátiles e cativadoras en activo no escenario mundial actual.
Antes do concerto, ás 19.45 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, Baldur Brönnimann e Raquel García-Tomás participarán nun novo CONVERSANDO CON... para parolar co público sobre as obras que forman parte do programa e sobre outras informacións referentes á temporada 'Inconformistas'. Para celebrar o arranque da tempada, ao remate do concerto ofrecerase un viño de cortesía.
Entradas e bonos flexibles
As entradas para este concerto poden mercarse na web compostelacultura.gal, na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia, aberto dende unha hora antes do comezo do espectáculo. O prezo das entradas é de 18 € cos descontos do 50% habituais para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.
Estas mesmas vías servirán tamén para facerse cos novos Abonos Flexibles que introduciu a RFG para a súa nova tempada de abono. Os bonos Flexible 10 e Flexible 5, ofrecen ao público a posibilidade de facerse con entradas para os concertos da programación a un prezo máis reducido. Así, o bono Flexible 10, cun prezo de 125 euros, poderá ser trocado por 10 entradas para calquera dos concertos que a orquestra ofrece en Compostela ao abeiro do programa de abono, sempre que existan localidades dispoñibles. Ao tempo, o bono Flexible 5, cun prezo de 62,50 euros, poderá ser cambiado por entradas para 5 concertos do programa de abono que conten, igualmente, con localidades dispoñibles. A diferenza doutras modalidades de abono da RFG, estes bonos non son unipersoais, polo que permiten adquirir a un prezo menor varias entradas para un mesmo concerto.