A Real Filharmonía de Galicia estrea a obra 'Schattenhaft 'do compositor galego Hugo Gómez-Chao

Baldur Brönnimann dirixe de novo a orquestra nun recital baixo o título 'O son que latexa' no que tamén se interpretarán O Idilio de Sigfrido, de Richard Wagner, e a Sinfonía núm. 3 'Singulière', de Franz Berwald

 

A Real Filharmonía de Galicia ofrece xoves 23 de novembro ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia un novo concerto da súa temporada 'Migracións'  que incluirá a interpretación da peza Schattenhaft, encargada pola propia orquestra ao compositor galego Hugo Gómez-Chao. Baldur Brönnimann levará de novo a batuta neste recital titulado 'O son que latexa', cun programa que inclúe o Idilio de Sigfrido, de Richard Wagner, e a Sinfonía núm. 3 "Singulière", de Franz Berwald.

Antes do concerto, ás 19.45 horas, Brönnimann e Gómez-Chao dialogarán coas persoas asistentes nunha nova cita do ciclo 'Conversando con...'

Estrea absoluta
Schattenhaft desenvólvese nunha atmosfera intimista que traslada o universo poético dos corpos en resonancia ao mundo dos sons, xogando coa idea da ausencia, da presenza e da lembranza.

Foi composta por encargo da Real Filharmonía de Galicia a Gómez-Chao, quen a escribiu durante a súa estadía como compositor residente da Real Academia Española en Roma durante o pasado ano. Gómez-- Chao estudou composición con David del Puerto no Centro Superior de Música Katarina Gurska de Madrid e, posteriormente, cursou estudos de máster con Beat Furrer na Kunstuvniversität de Graz e Ramón Lazkano no Musikene de San Sebastián. Ademais, foi distinguido con galardóns como o primeiro premio de Compositores Mozos da Fundación SGAE-CNDM 'Xabier Montsalvatge' e a mención de honra do Colexio de España en París.

Entradas e outros concertos

As entradas para este concerto poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e nos despachos de billetes da Zona C· Punto de Información Cultural  (De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h ) e do Auditorio de Galicia ( o día do espectáculo dende 1 hora antes do seu comezo).

Ademais do concerto de Santiago, a RFG ofrecerá outros dúas actuacións esta semana.  A primeira o mércores 22 ás 20 horas no Teatro Afundación de Vigo e a segunda o venres 24 ás 20.30 horas no Auditorio de Ferrol.