

O director Josep Planells Schiaffino dirixirá a RFG no concerto deste xoves, 27 de marzo, no Auditorio de Galicia · A violista Sara Ferrándaz acompaña a orquestra nun programa con obras de Charles Ives, Hector Berlioz e Helga Arias, quen presenta a obra I breathe every sound you leave behind, unha co-encarga da RFG coa Basel Sinfonietta
A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana en concerto o programa Novos Territorios, un diálogo entre composicións de autoras e autores que buscan transcender o obvio e que xogan nas pezas incluídas no repertorio con elementos extra-musicais.
O premiado director valenciano Josep Planells Schiaffino porase á fronte da orquetra nun recital que contará coa interpretación da violista Sara Ferrández, aclamada pola crítica polo seu cálido son, naturalidade e musicalidade no escenario. Da súa man, o público do concerto terá a oportunidade de escoitar a estrea en España da obra I breathe every sound you leave behind, da compositora vasca Helga Arias, unha profunda reflexión sobre como a sociedade trata a sexualidade feminina e como esas dinámicas afectan non só á forma en que as mulleres expresan o amor e o desexo, senón tamén como experimentan os seus propios corpos e identidades. Esta co-encarga da Real Filharmonía de Galicia coa Basel Sinfonietta está inspirada no Poema nº3 de Sonia Sánchez (1934), destacada poeta, escritora e profesora estadounidense, membro do coñecido como Black Arts Movement. Segundo Arias, a súa intención ao compoñer a peza foi a de “resaltar o sentimento íntimo, retrospectivo e persoal do poema, ofrecendo aos oíntes unha viaxe sonora que se faga eco da súa silandeira intensidade e dos seus ecos marmulados”.
Outras dúas obras de compositores inconformistas completan o programa da noite. De Charles Ives, ecoará na Sala Ángel Brage Washington’s Birthday, unha obra que, en palabras do seu autor, intenta recrear “un día de festa como o que todo individuo conserva nos recordos da súa infancia”. A orquestra interpretará tamén Harold en Italia, de Hector Berlioz, unha composición a medio camiño entre un poema sinfónico e un concerto para viola e no que brillará a interpretación de Sara Ferrández.
Antes do concerto, solista, director e compositora participarán na sesión ‘Conversando con…’, un faladoiro que se abre ás 19.45 horas na Sala Mozart do Auditorio, para afondar nos detalles do programa e responder ás preguntas do público.
As entradas para o concerto (18€) están dispoñibles para a venta anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C. Tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Auditorio dende unha hora antes do concerto.
Josep Planells Schiaffino, director e compositor
Nacido en Valencia en 1988, Josep Planells Schiaffino acaba de ser galardoado co 42.º Premio Reina Sofía de Composición Musical. O xurado seleccionou a súa obra Metalepsis entre case oitenta partituras presentadas.
Pola súa música foi galardoado con numerosos premios, entre eles, a Roche Young Commission do Festival de Lucerna, o New Scenes IV da Deutsche Oper Berlin, o DAAD-Prize, o primeiro premio “Vorhof der Völker” de Berlín, o terceiro premio no Felix Mendelssohn Bartholdy Hochschulwettbewerb e o primeiro premio no Concurso INJUVE.
Unha prometedora solista
Sara Ferrández é unha das violistas máis prometedoras da súa xeración. A súa visión innovadora da música e a súa extraordinaria maneira de tocar envolven o público nunha atmosfera única, mesmo nas máis grandes salas de concerto.
Malia súa mocidade, Sara actuou en varias das mellores salas internacionais, como son a Philharmonie de Berlín, Elbphilharmonie de Hamburgo, Alte Oper de Frankfurt, Victoria Hall de Xenebra, Auditorio Nacional de Música de Madrid ou l’Auditori, entre moitas outras.