A Real Filharmonía de Galicia e a USC organizan unha charla sobre a filósofa Simone Weil na ópera “A Paixón de Simone”

A conversa contará coa intervención da filósofa María Xosé Agra, a directora convidada da RFG, Joana Carneiro e  o decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato. O evento terá lugar o día 10 de abril ás 19.30 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía da USC

A Real Filharmonía de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela promoven este mércores a sesión 'A Paixón de Simone: a filósofa Simone Weil na ópera de Kaija Saariaho’ , un faladoiro aberto arredor da filósofa e activista francesa que se erixe como personaxe central do concerto que a orquestra ofrecerá no Auditorio no día a seguir.

Coetánea de Simone de Beauvoir, coa que compartiu estudos na École Normale Supérieure de París e na Université Sorbonne e sobre a que exerceu unha fonda influencia, Weil era unha pacifista que tomou parte na Resistencia francesa durante a Segunda Guerra Mundial e que se uniu á Columna Durruti na Guerra Civil Española. Considerada unha das pensadoras máis importantes do século XX, os seus escritos foron publicados despois da súa morte en 1934.

Para afondar no seu pensamento e na maneira en que este se plasma nas composicións de Saariaho, o salón de actos da Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos) acollerá a partir das 10.30 horas do 10 de abril esta mesa redonda que contará coas intervencións da filósofa, catedrática de Filosofía Moral e Política xubilada da USC, María Xosé Agra, o decano do centro, Xavier de Donato, e a directora Joana Carneiro, quen tomará a batuta da orquestra nesta ocasión. A asistencia é gratuíta sen necesidade de reserva até completar a capacidade do espazo. 

Esta actividade precede á posta en escena da ópera 'A Paixón de Simone' o día 11 de abril ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, un concerto que contará ademais coa participación do director asistente da RFG Sebastián Zinca e coas actuacións da soprano Karen Vourc’h, do cuarteto vocal composto por Ângela Alves, Joana Valente, André Lacerda e Luis Pereir, coa interpretación da bailarina Inês Pedruco e coa narración e interpretación de Inés Salvado.