A Real Filharmonía de Galicia conclúe esta semana o programa didáctico da tempada

A orquestra ofrecerá tres pases do programa 'Pleasure Island', dous deles para centros educativos e un para público xeral. Sebastian Zinca dirixirá a orquestra neste espectáculo con dirección artística de Cristina Cubells, a axudantía de dirección de Mervat Alramli, e a coreografía e danza de Ariadna Montfort e Estela Merlos

'Pleasure Island' é o título do programa co que a Real Filharmonía de Galicia pecha a súa proposta didáctica para a tempada 'Migracións'. O director auxiliar da orquestra, Sebastian Zinca, tomará de novo a batuta da formación nun espectáculo que combina música e danza e que contará coa dirección artística de Cristina Cubells, a axudantía de dirección de Mervat Alramli, e a coreografía e danza de Ariadna Montfort e Estela Merlos. As 'Danzas concertantes' de Igor Stravinski e as 'Internités' de Januibe Tejera poñen son a unha proposta escénica que parte dos contos 'Non culpes a ninguén' (1956) de Cortázar e 'As preocupacións dun pai de familia' (1919) de Kafka  para afondar nos seus imaxinarios e abordar a sensación de estrañamento físico, a percepción do inusual. 

O Auditorio de Galicia acollerá tres pases deste concerto dirixido á rapazada de 12 anos en diante. Os dous primeiros serán o xoves 25 e o venres 26 ás 11horas e están destinados a centros de ensino da contorna galega que xa confirmaron a súa participación. O sábado, 27 de abril ás 18 horas haberá unha nova representación aberta todos os públicos. As entradas, a un prezo de 3 euros, poden ser adquiridas nesta web, do despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Auditorio de Galicia (o día do concerto dende as 17.00 horas). 

[Imaxe: Rocío Chacón]

MÁIS INFORMACIÓN