A Real Filharmonía de Galicia clausura a temporada ‘Migracións’ co concerto Fin da viaxe

Baldur Brönnimann conclúe este xoves a súa primeira tempada á fronte da RFG nun concerto que contará coa participación de Rosanne Philippens como violín solista. As entradas para o concerto poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural e no do Auditorio de Galicia o propio día do concerto

A Real Filharmonía de Galicia despide a tempada 2023-24 co programa 'Fin da viaxe' que se presentará en concerto este xoves, 30 de maio ás 20 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. 'Migracións', primeira temporada do director Baldur Brönnimann á fronte da orquestra compostelá ,conclúe así nun recital que ofrece ao público a estrea en España da obra Atlas Eclipticalis, do compositor norteamericano John Cage, o  Concerto para violín de Erick W. Korngold e tamén a Sinfonía en tres movementos de Igor Stravinski. O concerto contará coa actuación de Rosanne Philippens, unha violinista cunha musicalidade innata e cun enfoque alegre e sincero á hora de facer música e que foi descrita polo diario holandés De Telegraaf como “enérxica, sensible e impecable”. Ás 19.15 horas, a sesión 'Conversando con...' reunirá a director e solista nun faladoiro co público. 

As entradas para o concerto poden ser adquiridas a un prezo de 18 euros na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e no do Auditorio de Galicia (o propio día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Ao remate do concerto, e da man de Galicia Calidade, ofrecerase un viño aos asistentes con fin de brindar e agradecer ao público pola súa confianza.