Paula Carballeira fía as memorias de ‘Mulleres que viven soas’ nun relato teatral que racha estereotipos

O novo traballo da compañía Berrobambán leva ás táboas do Teatro Principal as experiencias de diferentes mulleres sobre as distintas formas de facerse para vivir un lugar de seu
Nuria Sanz e Chiqui Pereira dirixen un espectáculo con dramaturxia de Paula Carballeira a partir dos textos de Xiana Arias, Vero Rilo e María da Pontragha
As entradas para o espectáculo, con funcións o xoves 6 e o venres 7 ás 20.30 horas, poden ser adquiridas de forma anticipada no despacho de billetes da Zona C e na web de Compostela Cultura, alén de no propio teatro dende unha hora antes de cada pase

 

Mulleres que viven soas é un traballo tecido aos poucos. Xermolou en 2019, grazas a un convite que Paula Carballeira recibiu do Maratón de Contos de Guadalaxara para facer unha historia sobre bruxas e que decidiu mudar por outra de mulleres que vivisen soas, moi presentes na tradición oral galega. En 2023, da man de Berrobambán, a iniciativa medrou e virou nun proxecto de pescuda de testemuños e historias que tomou a forma dun podcast, con entrevistas realizadas pola xornalista Xiana Arias, gravadas e editadas polo artista sonoro Berio Molina, e no proxecto escénico vivencial Facer Memoria. En 2024 dá unha nova volta cara á ficción e convértese nun espectáculo híbrido, entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino que, baixo o título Mulleres que viven soas, foi estreado no Festival Internacional de Outono (FIOT) de Carballo e chega esta semana por partida dobre, o xoves 6 e o venres 7 ás 20.30 horas, ao Teatro Principal.

 

Tres das grandes contadoras do país, Paula Carballeira, Vero Rilo e María da Pontragha prestan corpo e voz aos relatos reais que se foron colleitando neste percorrido, fiados, mesturados e asumidos agora por personaxes femininas da ficción. Como pano de fondo, unha fonda reflexión, peneirada por unha fina retranca, sobre a independencia das mulleres, sobre as maneiras de construír para si un lugar de seu e rachar coa presunción de que a soidade é sempre cuestión de resignación en lugar de cuestión de vontade e de escolla.

 

Nuria Sanz e Chiqui Pereira dirixen un espectáculo sobre mulleres que son donas da súas casas, das súas vidas e dos seus destinos. Con escenografía e iluminación de Montse Piñeiro, vestiario de Lola Armesto, espazo sonoro de Xiana Arias, selección de cantigas de María da Pontragha, fotografías de Charo Lopes, gravación de Míriam Rodríguez, imaxe de Nadina- Gráfica, produción de Chiqui Pereira e distribución de Urdime.

 

Mulleres que viven soas, forma parte do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios e do Foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura. As entradas para ambas as funcións (con prezos de 6 a 12 euros, en función dos descontos aplicables a diferentes colectivos) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e tamén no despacho de billetes do Teatro Principal nos días do espectáculo a partir das 19.30 horas. Tras o pase do xoves día 6 de febreiro, o equipo responsable da peza participarán nunha posfunción aberta ao público da sala para darlle a coñecer ao detalle o desenvolver deste proxecto.