Olladas anovadoras na competencia de cineastas noveis de Cineuropa

A sección Novas/os cineastas abeira doce películas que destacan entre as propostas máis sorprendentes da tempada

A sección competitiva de Cineuropa, Nova/os Cineastas, amosa cada ano primeiras ou segundas películas de autoras e autores que, malia non contar aínda con gran sona, sorprenden o público con algúns dos filmes mais intensos e abraiantes da tempada. 

Fotograma de O auto das ánimas, de Pablo Lago Dantas

Nesta edición, por vez primeira, a sección competitiva de Cineuropa inclúe un filme galego O auto das ánimas que chega a Compostela logo de ter a súa estrea mundial no festival suízo Visions du Réel e de ser exhibido tamén no Festival de Xixón. O auto das ánimas de Pablo Lago Dantas amósanos os misterios dunha familia nunha pequena aldea galega apegada ás súas tradicións, como a chegada dos alambiqueiros á casa da súa avoa. Fascinado polo subconsciente, Lago emprega os mitos e rituais do país para agregar capas e profundidade a un documental sobre a súa familia.

Este filme competirá xunto a outras 11 películas que veñen de recoller títulos ou competir por eles na Berlinale, os festivais de Cannes ou Locarno e na Biennale de Venecia, entre outras grandes citas cinematográficas da tempada.

Dende Grecia, Sofia Exarchou retrata en Animal as condicións de traballo de quen dedica a súa vida á animación en resorts de luxo e tamén a relación de compañeirismo entre dúas mulleres en distintas etapas vitais baixo o cálido sol e as abafantes noites dun verán eterno. Esta que é a segunda longametraxe da cineasta competiu polo Leopardo de Ouro de Locarno.

Tamén de Locarno chega Baan, a primeira longametraxe de ficción da portuguesa Leonor Teles, quen foi directora de fotografía dos filmes de João Canijo Mal Viver e Viver Mal. O filme, cuxo título significa “fogar” en tailandés, tece unha historia entre Bangkok e Lisboa na que estouran o tempo, o espazo e as emocións. Teles estará presente en Compostela nos dous pases da película. 

O vietnamita Phạm Thiên Ân, gañador do premio á mellor ópera prima en Cannes con Inside the yellow cocoon shell (Bên trong vỏ kén vàng, no orixinal), propón nesta película unha viaxe polas paisaxes místicas do Vietnam rural, unha travesía para o reencontro de dous irmáns nunhas circunstancias pouco habituais.

A única película latinoamericana nesta sección competitiva, Arturo a los 30 de Martín Shanly, que participou na Berlinale este ano, conta en clave de comedia a historia dun neurótico inadaptado socialmente que, porén, é sensible e goza da empatía das persoas que o rodean. Arturo, na voda da súa mellor amiga e baixo os efectos do alcohol e as drogas, comeza a profundar en varios asuntos pendentes da sua vida e nos aspectos máis escuros da súa personalidade. Shanly estará presente en Compostela nos dous pases da película. 

Dende Bélxica chegan dous títulos para esta sección. Está chovendo na casa (Il pleut dans la maison), de Paloma Sermon-Daï, sobre dous irmáns adolescentes que viven sós e están atravesando a súa chegada á vida adulta; e Abandonar a noite (Quitter la nuit), de Delphine Girard, que cuestiona o tratamento colectivo e individual da violación na nosa sociedade. 

Fotograma de Jam, de Yason Wu

A sección conta tamén con tres filmes recentemente exhibidos no Festival de Sitges. Por unha banda, A teoría universal (Die Theorie von Allem), do alemán Timm Kröger, que acontece nun congreso científico onde se vai presentar unha revolucionaria teoría da mecánica cuántica; tamén a coreana Sleep (Jam, no orixinal), de Jason Yu, na que unha muller embarazada se preocupa polos hábitos de sono da súa parella.  E, por último, a película que recibiu a mención especial do festival catalán, Enigma de lume (Riddle of fire), na que Weston Razooli conta a historia de tres rapaces que tentan descifrar o control parental da sua consola e atopar a mellor receita para a torta de arandos.

A gañadora da sección Un certain regard do Festival de Cannes, Como ter sexo (How to have sex), forma tamén parte dos filmes propostos nesta escolma de novos ollares do Cineuropa 37. A primeira película de Molly Manning Walker parte da excursión a Creta de tres adolescentes británicas na compaña dos seus compañeiros para se deter na violencia que enfrontan as rapazas en festas orxiásticas que pasan por ser ritos de iniciación á sexualidade. A película afonda no tratamento da transición á idade adulta e na exploración do consentimento.

Completa esta sección o filme romanés Mammalia dirixido por Sebastian Mihăilescu, no que  un home de 39 anos se embarca nunha viaxe onírica que o leva a cuestionar as bases da súa identidade.