A oitava edición do festival Alguén que Respira! explora as relacións entre vida e poesía

Do xoves 20 ao sábado 22 de marzo, o VIII Festival de Poesía para Corpo Principal reúne no Teatro Principal máis de corenta poetas, músicos e performers nun intenso programa de recitais, conversas e espectáculos interdisciplinarios · O escritor, crítico e docente Xosé María Álvarez Cáccamo asina este ano o Manifesto Galego para o Día Mundial da Poesía ·A poeta irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuig, o peruano Mario Montalbetti e os palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari cóntanse entre as figuras internacionais dunha edición que presta especial atención á denominada ‘Xeración dos Neos’ da poesía galega

De esquerda a dereita, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, e o director do festival, Antón Lopo.

Os días 20, 21 e 22 de marzo, o Teatro Principal acollerá a oitava edición do ‘Alguén que Respira!’ Festival de Poesía para Corpo Principal, un certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e dirixido polo poeta Antón Lopo.

Baixo o lema “Poesía / Vida", esta edición do festival reunirá máis de corenta poetas, músicos e performers de diversas procedencias nun programa que combina recitais, conversas e espectáculos interdisciplinarios para afondar no poder da palabra como espello da experiencia, da poesía como instrumento para a transformación persoal e social. 

O programa completo do festival foi presentado este martes nunha rolda de prensa coas intervencións da concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, o secretario xeral da Lingua, Valentín Gómez García e o director do certame, Antón Lopo. 

Míriam Louzao destacou a necesidade de seguir a tecer iniciativas que, como o Respira! “en tempos de incerteza, nos que o pensamento e a súa expresión se ven ameazados de formas diversas garanten espazos para o exercicio da palabra en liberdade, para o estímulo do espírito crítico fronte aos discursos uniformizadores e totalitarios”. 

Na mesma liña, o director xeral da Lingua puxo o foco no estímulo “á creatividade cultural, a creatividade poética feita en lingua galega, pois é o que nos dá alento para seguir no día a día” e salientou “a proxección que ten a nosa riquísima producción literaria e a producción poética en convivencia con outras culturas, con outras linguas, nunha capitalidade cultural como é Santiago de Compostela”. 

O director do Alguén que Respira!, Antón Lopo, agradeceu o apoio das institucións que o fan posible e “sobre todo a confianza das cidadás e cidadáns, da xente que converte este festival cada ano nunha cita imprescindible do mes de marzo”. Lopo convidou o público a tomar parte nesta edición dedicada “á relación entre a poesía e a vida, para descubrir ata que punto se pode vivir da poesía e ata que punto a poesía pode vivir instalada na vida”. Nas súas palabras, o Respira! afonda “na forma en que se fusionan a vida e a poesía e en como a través da metapoesía ou da poesía autorreferencial esa vida se transforma tamén en material literario onde a propia poesía é a protagonista”.

Un programa arredor do poema como expresión de vida e liberdade

O festival abrirá o xoves 20 de marzo ás 12 horas no ambigú do Teatro Principal cun café-faladoiro entre os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari, que reflexionarán sobre a escritura poética desde o exilio. Esa mesma tarde, ás 18.30 horas, o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo será o encargado de ler o Manifesto Galego polo Día Mundial da Poesía dende o balcón do Teatro Principal. A súa lectura dará paso ás 19 horas á primeira sesión do programa O que mutuos somos, unha das novidades da edición, que esculcará as formas onde a poesía comparte teito coa vida da man tres parellas de artistas, e que arranca coa conformada por  Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco. Ás 20.30 horas, a sesión central  Poesía para corpo principal reunirá voces de distintos espazos lingüísticos que teñen en común a busca da harmonía melódica e o discurso político identitario, con Sammer Abu Hawwash, a poeta irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuig, o catalán Toni Juncosa, o alacantino Juanpe Sánchez López e a galega Nieves Neira Roca.

O venres 21, a conversa matinal no ambigú do Principal afondará na chamada Xeración dos Neos, voces nacidas no final da longa transición democrática, que compartiron os estudos universitarios e os primeiros signos da precariedade, e que foron construíndo a súa obra ao abeiro das redes, as publicacións alternativas e os premios literarios. Da man da crítica María Xesús Nogueira, autora dunha antoloxía sobre esta xeración publicada por Chan da Pólvora, o encontro tecerá unha conversa entre Lara Dopazo, Berta Dávila e Ismael Ramos, que tamén tomarán parte xunto con Gonzalo Hermo no recital Poesía para corpo principal que terá lugar á noitiña, a partir das 20.15 horas. Un pouco antes, ás 19 horas, a segunda sesión do programa O que mutuos somos porá en común a experiencia vital e os traballos de Alicia Fernández e Eduard Velasco, que comparten proxectos literarios e familia dende hai máis dunha década. O Día Mundial da Poesía, gardará aínda lugar para a entrega dos Premios Respira! de Poesía para o estudantado, que este ano recaen en Santiago Ferrreiroa Pena, Vítor Augusto Ramos Pintos, Ainara Fernández Sueiro e Iris Abril Teijeira. E a xornada pecharase cun encontro co poeta peruano Mario Montalbetti quen, acompañado de Luís López Alonso,  cuestionará a consideración da poesía como xénero literario. 

O sábado 22, o último dos cafés no ambigú concitará a Arturo Casas e Carlos Lema nunha conversa arredor da metapoesía e autorreferencia. A sesión da tarde abrirá ás 17.30 hora cunha viaxe polas entrañas do Teatro Principal na actividade Atravesei a cerca, que permitirá ao público descubrir espazos ocultos do emblemático edificio mentres escoita versos de poetas como Víctor Benavides, Branca Novoneyra, Dani Salgado e Isabel Cuena. A parella vital e poética que forman María Sánchez e Jose González pechará ás 19 horas a sección O que mutuo somos. E a clausura do festival chegará a partir das 20.30 h con Poesía sen etiquetas, un recital de vocación híbrida, onde a lírica e o resto das artes se alían para esluír fronteiras entre o popular e o culto, entre o poema e a fala, entre a performance e a música. Helena Salgueiro, Miriam Reyes con El Pricto, Ilona Schneider e Vasco Trilla e Flow do Toxo tomarán parte neste fin de festa que aposta pola experimentación dos sentidos, e por propostas coas que pensar, gozar e divertirse arredor da palabra.

Un festival consolidado no panorama poético

Dende a súa creación, o Alguén que respira! consolidouse como un dos eventos poéticos de referencia en Galicia, apostando pola diversidade, a experimentación e o encontro entre xeracións e linguaxes artísticas. O evento convida tanto a amantes da poesía como a novos públicos a descubrir a forza da palabra falada e escrita.

Entradas

Todas as actividades son de balde, previa retirada de convites (máximo dous por persoa) que estarán dispoñibles a partir do sábado 15 de marzo ás 11 horas na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C· Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). Tamén se poderán retirar no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do comezo de cada un deles. A asistencia aos cafés-faladoiro das mañás no ambigú do Principal é libre sen necesidade de reserva até completar capacidade.