O novo espectáculo teatral de Tito Asorey, con texto de José Prieto e protagonizado por David Amor e Josito Porto, conta con dúas funcións en Compostela, o venres 31 de xaneiro e o sábado 1 de febreiro, ás 20.30 horas
Producida por Etiqueta negra, a obra forma parte do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios
As entradas para a peza pódense mercar na web de Compostela Cultura, e na Zona C · Punto de información Cultural, alén de no propio teatro dende unha hora antes do comezo de cada pase
O debate sobre o turismo e a xentrificación soben esta semana ás táboas do Teatro Principal da man de Go Home, unha comedia negra con dramaturxia de José Preito e dirección de Tito Asorey, programada este venres 31 de xaneiro e o sábado 1 de febreiro ás 20.30 horas. David Amor e Josito Porto protagonizan este espectáculo producido por Etiqueta Negra, arroupados pola escenografía de José Faro, a iluminación de Laura Iturralde, o vestiario de Patricia Ferreira e a música de Xavier Bértolo.
Go Home conta a historia de David, un fanático do turismo que xa experimentou todo o tipo de aventuras que as axencias lle podían ofrecer. Todas menos unha: unha viaxe sorpresa, a cegas, na que non sabe o que lle vai acontecer. A peripecia levarao a facer noite no Cebreiro, comezando unha andanza na que David gozará de emocións intensas, tales como a dúbida, o medo e a sorpresa.
Esta peza teatral observa a realidade, así como as súas problemáticas asociadas a Galicia, na procura dunha obra onde teñen cabida a reflexión, a diversión e a investigación escénica.
Ao remate do pase do día 31, o equipo do espectáculo participará na posfunción, unha conversa para tratar co público os detalles da creación do traballo e a investigación escénica na que se basea.
As entradas para o espectáculo, inscrito no circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, na Zona C · Punto de Información Cultural (rúa do Preguntoiro, 1), aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. Tamén estarán á venda no despacho de billetes do propio Teatro o mesmo día da función dende as 19.30 horas.