O thriller conventual As Desterradas, de Producións Teatrais Excéntricas, estréase este xoves no Teatro Principal de Compostela

Carme Varela asina o texto desta peza que dirixe Quico Cadaval e que conta cun elenco conformado por Belén Constenla, Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González,e Víctor Mosqueira
Tras a estrea do xoves 6 ás 20.30 horas no teatro da rúa Nova, As Desterradas terá un segundo pase en Compostela o venres 7, que concluirá cunha conversa co equipo creativo
As entradas para ambas as funcións están xa esgotadas
 

O patio de butacas do Teatro Principal encherase este xoves 6 de marzo e tamén o venres 7 para acoller a estrea de As Desterradas, un espectáculo de Producións Teatrais Excéntricas que revive unha historia de resistencia feminina fronte á opresión. A obra, escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval, leva as táboas o relato dunha pequena comunidade de monxas do século XVI situada á beira do Miño e ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica.

Belén Constenla, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosqueira conforman un elenco de excepción para dar vida a este drama latente que busca deitar luz sobre episodios escuros da historia galega e que forma parte dos focos ‘Creadoras de escena’ e ‘Memoria en escena’ de Compostela Cultura. Javier Gey deseña o espazo lumínimo deste espectáculo con vestiario de Celia Sineiro e costura de Emperatriz Macalupú, obxectos escénicos de Marcelino de Santiago ‘Kukas’ e dirección musical de Fernando Reyes. Completan o equipo Mon Serodio como axudante de dirección, Javier de la Rosa no deseño gráfico, Sonia García (Xouba Cromática) no vídeo, Sabela Eiriz na fotografía, Norths SDN nos efectos sonoros e Rubén G. Pedrero na coordinación da produción.

Ao remate do pase do venres 7, equipo artístico da peza participará na posfunción, unha sesión de conversa coordinada por Jorge Linheira na que o público poderá afondar nos pormenores do espectáculo. 

As Desterradas conta co apoio económico da AGADIC ao abeiro da convocatoria de subvención a creación escénica 2024 e forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. 

Con esta nova proposta, Producións Teatrais Excéntricas ofrece un espectáculo que mestura teatro histórico, thriller e reflexión social, poñendo en valor o papel das mulleres que loitaron pola súa autonomía nun mundo dominado pola represión.