Nuno Cardoso dirixe esta nova adaptación da obra coa que Arthur Miller levou a escena os xuízos por bruxaría nos EUA ao tempo que construía unha alegoría sobre as persecucións políticas do macartismo
‘As Bruxas de Salem’ chega a Compostela por iniciativa do Auditorio de Galicia e o Centro Dramático Galego e ao abeiro do programa ‘Temporada Cruzada. Portugal - España. 50 anos de cultura e democracia’
A única función prevista en Santiago é a deste sábado 19, ás 19 horas, na Sala Ángel Brage do Auditorio
O Teatro Nacional São João desembarca esta fin de semana no Auditorio de Galicia co espectáculo As bruxas de Salem, , unha nova adaptación da obra coa que o dramaturgo neoiorquino Arthur Miller retratou en 1953 a histeria colectiva da sociedade norteamericana tomando como inspiración os xuízos por bruxaría. A compañía portuense, unha das principais institucións teatrais de Portugal, presentará a peza este sábado, 19 de outubro, ás 19 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio, nun pase que constituirá a súa estrea en España. Así o avanzou o director-xerente do Auditorio, Xaquín López, nunha rolda de prensa que contou tamén coas intervencións de Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego (CDG), e de Nuno Cardoso, director artístico do Teatro Nacional São João (TNSJ). Xaquín López puxo en valor a colaboración do Auditorio de Galicia e do Centro Dramático Galego, alén do apoio de todas as institucións implicadas no programa ‘Temporada Cruzada. Portugal - España. 50 anos de cultura e democracia’ para traer a Compostela este espectáculo de grandes dimensións que, adiantou, “espero se converta nunha relación de futuro”.
O director do CDG, Fran Núñez, salientou tamén esta suma de vontades para “crear ese territorio escénico común Galicia-Norte de Portugal, pois estamos moi preto e ás veces parece que estamos moi lonxe;”. “Á fin”, continuou”, o Auditorio de Galicia é un dos grandes espazos do norte da Península e é importante que espectáculos que se fan en Portugal e a xente non pode ver, estean”.
Ao explicar os argumentos que o moveron a montar As Bruxas de Salem, Nuno Cardoso, director artístico do TNSJ e tamén da peza, apuntou cara ás conexións do texto orixinal de Arthur Miller coa actualidade, e cara á súa universalidade: “Escollín As Bruxas de Salem porque sinto que a liberdade está ameazada”. Para o director “por vez primeira nas sociedades democráticas esta xeración ve o seu futuro peor que o da anterior. Iso fai que se instale unha cultura do medo, unha cultura na que as narrativas máis fortes son as narrativas do medo”.
En liña con estas declaracións, no Manual de Leitura da obra, Cardoso define a peza como “unha fuga cara á fronte”, un exemplo de como “a necesaria confrontación coas consecuencias dos nosos actos é sempre substituída por unha desculpa calquera, unha narrativa que nos conforte e favoreza o escapismo”. Miller, que sufriu en carne propia a caza de bruxas do senador McCarthy, ideou The Crucible – o título orixinal da peza– como un paralelo á escuridade e o medo que relaba o corazón de América, consumido pola febre anticomunista. Dende o seu epicentro –unha fascinación primaria pola paranoia, que sacrifica individuos na súa furia colectiva– hoxe resoan múltiples ecos. Con ela, Nuno Cardoso continúa a súa investigación sobre os fundamentos da vida comunitaria, noutro ensaio sobre a cegueira do home social.
Esta produción do Teatro Nacional São João conta un elenco conformado por Ana Brandão, Carolina Amaral, Joana Carvalho, Jorge Mota, Lisa Reis, Mário Santos, Nuno Nunes, Paulo Freixinho, Patrícia Queirós, Pedro Frias e Sérgio Sá Cunha. O deseño de luz é de Nuno Meira, a música e deseño de son de Jõao Oliveira, o vídeo de Luís Porto e o deseño de movemento de Roldy Harrys, mentres que Pedro Nunes se ocupa da axudantía de dirección.
As Bruxas de Salem chega a Compostela por iniciativa do Auditorio de Galicia e do CDG co ao abeiro do programa ‘Temporada Cruzada. Portugal - España. 50 anos de Cultura e Democracia’, que reforza os vínculos entre os dous países mediante o intercambio de proxectos culturais e creativos e a colaboración de diferentes entidades e institucións. Así, alén dos Ministerios de Cultura e Exteriores de Portugal e España, a representación da obra en Santiago é posible grazas ao apoio do Gabinete de Estratégia, Planeamento e Avaliação Culturais do país luso, de Acción Cultural Española, a Axencia Española para de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), o Instituto Camões, o Instituto Cervantes, da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago.
O espectáculo, en lingua portuguesa, ten unha duración aproximada de 155 minutos (máis intervalo) e o prezo das entradas é de 14 euros (con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas). Poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do propio Auditorio (o día do espectáculo dende as 18 horas).