O espectáculo dirixido por Jaime Pablo Díaz e coreografiado por Sharon Fridman preséntase este domingo ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia. Berro suma catro candidaturas aos Premios Max: mellor espectáculo de danza, mellor coreografía, mellor vestiario e mellor bailarín
Na véspera no Día Internacional da Danza, a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acolle o domingo, día 28 de abril, ás 20.30 horas, Berro. Este espectáculo, co que Nova Galega de Danza conmemora o vixésimo aniversario da compañía, sae “á procura da memoria colectiva” e “representa o baleiro que supón ser persoas soas e illadas nunha sociedade sen memoria, na busca do movemento que lle lembre o seu pasado”. A partir de aí, a peza convídanos a “unha viaxe que conecta os estados emocionais, amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral –a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa– a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo”. A dicir da compañía, “Berro, é a liberdade de contar sen medo nin ataduras, deixando fluír a inocencia da natureza e a forza ineludible da expresión. Cada movemento de danza convértese nun berro liberador, unha voz interior que clama por manifestarse e voar fóra de nós”.
Con dirección de Jaime Pablo Díaz, coreografía de Sharon Fridman e de Nova Galega de Danza, e cun elenco conformado por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Alba Cotelo, Laura Santamariña, Ricardo Fernández, Iván Villar e Jaime Pablo Díaz, Berro conta con catro candidaturas aos Premios Max: mellor espectáculo de danza, mellor bailarín para Jaime Pablo Díaz, quen comparte tamén con Fridman a candidatura á mellor coreografía, e mellor deseño de vestiario para Ikerne Giménez. A música é da autoría de Sergio Moure de Oteyza, colaborador habitual da compañía e candidato ao Premio Goya pola composición de bandas de son como a do filme Inconscientes. O espectáculo chega a Compostela como parte do Foco NeoTrad da programación escénica de Compostela Cultura e da programación apoiada pola Rede Galega de Teatros e Auditorios.
As entradas para a función pódense adquirir a un prezo de 10 € (cos descontos habituais para diferentes colectivos) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, das 11 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas) e no do propio Auditorio (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).
A compañía
Nova Galega de Danza naceu en 2003 coa vocación de innovar e fusionar en vivo a danza e a música de raíces galegas e combinar tradición e vangarda con vocación universal. Ao longo destes vinte anos, e baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, presentou oito espectáculos: Alento (2003), Engado (2006), Tradición (2010), Dez (2013), Son (2016), Leira (2020) e Credo (2022) e o máis recente Berro (2023).