Comisariada por Germán Labrador Méndez, a exposición ‘Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia’ botou a andar este martes na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio
O acto de inauguración contou coas intervencións da alcaldesa Goretti Sanmartín, do director do Auditorio Xaquín López e do comisario da mostra, alén da presenza da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, de integrantes da Corporación Municipal e de artistas participantes
Con acceso de balde, a mostra poderá ser visitada até o 25 de maio, de luns a domingo, en horario das 10 ás 14 horas e de 16 a 20 horas
No ano en que se conmemora a figura e legado de Castelao, recentemente recoñecido como primeiro presidente do Goberno galego, bota a andar en Compostela unha mostra que toma como punto de partida a súa ollada incisiva e crítica para engarzar ópticas diversas dende as que rever e revisitar a historia galega e o seu relato oficial. Comisariada por Germán Labrador Méndez, a exposición Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia leva á Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio un compendio de máis de 300 pezas elaboradas por preto dun cento de creadoras e creadores que permiten trazar un retrato diferente do país.
O “ollo de vidro” de Castelao, artefacto vangardista para esculcar máis alá da aparencia e do superficial, serve de metáfora e de detonante para o tecido dun regueiro de creacións que como lentes de aumento dan a ver o que permanecía oculto ou ás marxes, discursos e formas culturais invisibilizadas e silenciadas. E así, convidan a reflexionar sobre o canon representativo, a construción do imaxinario, as formas culturais ausentes e os motivos que levaron a ocultalas.
Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia arrancou este martes o seu período expositivo cun acto inaugural que contou coas intervencións da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, do director-xerente do Auditorio, Xaquín López, e do comisario da mostra, alén da presenza da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao, de integrantes da Corporación Municipal e de boa parte dos artistas e as creadoras participantes.
Na súa intervención, Germán Labrador apuntou “queremos poñer os ollos de vidrio da historia contemporánea de Galicia e da modernidade a funcionar para facer ver aquello que está e non está ao mesmo tempo, para restablecer os diálogos cos nosos pasados e cos futuros distintos que os nosos pasados contiñan. Unha historia, polo tanto, da utopía e da imaxinación política. É unha historia que vén a partir das formas porque é na forma onde se contén unha realidade de material existente e a posibilidad de soñar outros mundos".
Para Goretti Sanmartín “o que se nos vai contar nesta exposición son 150 anos da historia de Galiza desde olladas que son diversas e diverxentes. Desde as olladas que moitas veces non constrúen o relato oficial nin o relato institucional, que están nas marxes invisíveis, mais que nós sabemos que están aí. Unilas ao longo deses 150 anos de historia, eu creo que é unha idea formidável. É moi importante que poñamos esa ollada para que vexamos as distintas pezas que nos compoñen que nos fan ser dunha maneira natural, dunha maneira distinta".
A mostra permanecerá na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio até o 25 de maio e poderá ser visitada de balde, de luns a domingo en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.
Episodios para reler a historia galega dende a creación (contra)cultural
Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia artella un percorrido circular e cíclico do presente cara ao pasado e do pasado cara ao presente, que permite a quen a visita marcar un itinerario propio, unha posición dende a que ler o relato que ofrece.
En función desa escolla, a mostra empeza ou conclúe cunha reflexión crítica sobre a situación da Galicia actual, coas formas que retratan e denuncian a gravidade da crise ecolóxica e a persistencia de estruturas coloniais e extractivas e, fronte a ese cosmos en crise, apón creacións que dan forma á defensa do vencello co territorio na súa calidade de espazo de memoria e construción colectiva.
Neste tecido, a foto-performance Ser Xesta. Cidade da Cultura, de Diego Vites conecta co Radio Universo de Chévere, e a súa crítica ao estado da cultura e as formas que toma, con base nunha alienación da mesma; as Casas Doentes coas que Manuel Sendón retrata a resignificación campesiña de obxectos por conta súa funcionalidade, adoito cualificadas como feísmo, conviven co panel fotográfico no que Anxo Rabuñal capta os hórreos desposuídos tras O desenvolvemento económico de Galiza no século XX ou coa pancarta que berra o Non a Altri, até chegar a tres creacións en diálogo inspiradas no Pórtico da Gloria que resultan, ao tempo, tradicionais e distópicas: as Máquinas e o Pórtico para un xuízo final de Anxo Baranga e o Apóstolo Maneki-Neko de Camilo Seira, que nos sitúan no limiar da apocalipse.
Se optamos por camiñar cara ao presente, o seguir do percorrido conduce a unha reflexión sobre a construción transatlántica do capitalismo en Galicia, sobre a concepción estética e política da paisaxe e sobre a súa relación co capital, o traballo e a migración. Neste marco, O Inconsciente Ideolóxico da Árbore Xenealóxica do Capital, de Andrés López, conversa con O peso da paisaxe de Xaquín Marín, con O barco da festa do Carme e outras pezas de Catherina Susanna Kuijper, A saída dos Emigrantes de Xosé Conde Corbal, ou coas fotografías de Estado e paisaxe de Antonio Nodar.
Máis adiante, a mostra afonda no legado utópico da experiencia republicana dos anos trinta, a través da reprodución de A traxedia do Xirobio de José Signo, a poucos metros da Silueta política que Diego Vites refai a partir de dous deseños de Castelao, e outro refeito, Campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia durante a Segunda República Española, no que o mesmo autor reconstrúe unha parede electoral a partir dunha fotografía histórica. Alén doutras obras, neste episodio destaca a reprodución a grande escala da fotografía Homenaxe aos Mártires de Carral, tomada en 1931 nun acto organizado polas Irmandades da Fala.
A disposición espacial das obras na Sala Isaac Díaz Pardo permite albiscar dende ese mesmo punto outra obra, o mural Homenaxe ás vítimas da represión franquista de Xosé Vizoso, tamén refeito para esta esposición por Vites, que introduce a visitante de cheo no capítulo dedicado á guerra. A duración do xenocidio fascista durante e despois da guerra civil toma forma artística, alén de nese mural de Vizoso, na serie de gravados O fardel da guerra, de Xosé Conde Corbal, na fotografía de Álvaro de la Parra sobre a Manifestación republicana do 17 de setembro de 1932, nos retratos de Nicolás Combarro de campos de concentración galegos, ou na serie de linogravados sobre papel Estampa Popular Galega, entre outras moitas pezas.
A seguir, a ollada ábrese á xorda resistencia do mundo dos vencidos e dos traballadores na posguerra, con creacións que fan visible e táctil a pegada da violencia franquista. A longa noite fica latente na Santa Compaña que Vites refai a partir dunha obra perdida de Manuel Otero Lema, nas Inscricións no túnel da rúa Calzada fotografadas por Antonio Nodar a partir dos gravados sobre pedra e cemento de José Meijón, nas maternidades estraperlistas de María Antonia Dans ou mas matrias de Viki Rivadulla e nunha selección de fotografías escolmadas dos fondos gráficos da Xefatura Provincial do Movemento.
Finalmente, as fendas contraculturais dos anos setenta e a emerxencia de novos laboratorios colectivos, como o Laboratorio de formas de Sargadelos, fanse presentes nun amplo panel de cerámicas entre as que topamos O burro, de Isaac Díaz Pardo, O Xuízo a María Soliña de Francisco Pérez Porto, e o Peto de Ánimas de Mulleres ou a Rosalía de Carme Romero. A representación esténdese á esfera teatral e musical, coa revolución dos monicreques de Kukas, as achegas de Voces Ceibes ou o Circo de los Muchachos de Ourense, e conclúe co retrato do movemento antipsiquiátrico de Conxo nos traballos do propio Kukas ou de Xaquín Marín.
A mostra e o seu carácter incisivo traspasa aínda as paredes da Sala Isaac Díaz Pardo e do Auditorio de Galicia e esténdese a través dos vidros da galería á rúa coa instalación luminosa coa que Fernández Sánchez Castillo recupera, nunha irónica e aceda reflexión, a frase La calle es mía.
Dous proxectos comisionados de Xoán-Xil López e Nova Escultura Galega
Como lousas amarelas no camiño, dous proxectos comisionados, especificamente realizados para esta exposición, aparecen unha e outra vez no percorrido.
Dunha banda, o colectivo Nova Escultura Galega asina un Conxunto Escultórico de case corenta pezas, elaboradas con barro, palla e cartón que poboan os diferentes espazos. O conxunto remite ás esculturas feitas con barro e herba do campo de concentración de Gurs, na fronteira francesa, en 1939 e, nun diálogo co imaxinario da exposición, aluden tamén ao ‘Estanque dos Papas’ do Parque do Pasatempo.
Doutra banda, a arte e a investigación sonoras de Xoán-Xil López conflúen nunha instalación sonora en dúas partes que leva por título XI. A peza xorde da idea común entre culturas de que as encrucilladas son lugares onde acontece o encontro do mundo dos vivos co mundo dos mortos, converténdose nun fito para a celebración de prácticas pagás de diferente natureza. En Galicia existe unha serie de crenzas vencelladas a estes lugares estratéxicos que co tempo o catolicismo resignificou mediante a colocación de petos das ánimas ou cruceiros. A instalación funciona como díptico multifónico formado por oito canais de audio e dúas estruturas elaboradas en madeira e lousas de xisto, decoradas e reaproveitadas dun antigo tellado da zona de Lugo. A peza conxuga unha ampla colección de sons mesturados nun collage de voces, ruídos e paisaxes sonoras, materiais propios e alleos, extraídos de diferentes arquivos persoais e institucionais, cunha importante carga etnográfica e política, e que apelan á memoria.