A mostra ‘#Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega’ bota a andar no Auditorio de Galicia

A exposición inclúe traballos de artistas da BD e o fanzine galego como Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy e poderá ser visitada do 2 de abril ao 16 de xuño 

Comisariada por Íñigo Rodríguez Román, a mostra forma parte do programa ‘Mulleres en cadriños’, unha iniciativa dirixida por Neves Rodríguez para pór en valor o traballo das mulleres na banda deseñada galega

De esquerda a dereita, Íñigo Rodríguez Román, Míriam Louzao e Neves Rodríguez, na presentación da mostra.

A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolle este martes ás 20 horas a inauguración da mostra ‘#Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega’, unha exposición que pon a dialogar os traballos de creadoras galegas de banda deseñada e fanzine para dar conta do seu potencial artístico e discursivo. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao presentou a mostra este martes nunha rolda de prensa na compaña do seu comisario, Íñigo Rodríguez Román, e da directora do programa de actividades paralelas ‘Mulleres en cadriños’, Neves Rodríguez. 

Ate o 16 de xuño, Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy amosarán no espazo expositivo do Auditorio propostas heteroxéneas que abordan temas, códigos e desafíos estéticos ben actuais. A cotiandade, a saúde mental, o ecoloxismo, o humor, as relacións familiares, a precariedade laboral ou a igualdade de xénero atravesan os traballos destas seis creadoras galegas que conforman esta exposición colectiva marcada pola pola diversidade de fórmulas e de ollares.
En palabras da concelleira a mostra “convídanos a que recoñezamos e repensemos as propostas formais e discursivas que nos chegan dende esta área que a miúdo situamos nas marxes” e, continuou “cumpre unha vez máis co afán de servir de fiestra cara a propostas menos estandarizadas, na periferia dos circuítos expositivos máis convencionais, para abrirnos a ollada e o pensamento”. 

O comisario da exposición, Íñigo Rodríguez Román remarcou  que é “moi necesario de que tanto o fanzine como a BD teñan o recoñecemento das institucións e achegar ao público esta forma de arte contemporánea”. O comisario apuntou que non se trata dunha mostra de carácter historiográfico senón ‘dunha mostra de artistas’. Cómics, portadas, axendas, carteis, cerámicas, adhesivos, e mesmo unha bicicleta conforman esta compilación de obras de creadoras que elaboran as súas narrativas desde a plena conciencia do artístico en traballos que toman o fanzine como ferramenta expresiva primixenia. É na autoedición gráfica onde experimentan sen complexos xerando esquemas expresivos e estéticos audaces e persoais, que formalmente van dende as propostas máis conceptuais ata códigos estéticos universais.

A mostra garda tamén lugar para a homenaxe a festivais e movementos de autoedición galegos activos na actualidade como Fun, fun fun movidote de autoedición (Santiago Compostela), VaiaVaia (Lugo) e Autobán (A Coruña), a outros anteriores como No tengo mamá (Vigo) e a publicacións históricas como Xofre ou Barsowia. Ademais inclúe un espazo para a lectura libre de fanzines e unha sección ‘BD exquisita’ para que as persoas visitantes debuxen propostas que despois pasarán a ocupar tamén as paredes da sala. 
A partir da inauguración deste martes, que contará coa presenza da alcaldesa Goretti Sanmartín, da concelleira Míriam Louzao, do director-xerente do Auditorio, Xaquín López, de íñigo Rodríguez Román, Neves Rodríguez e das artistas participantes, a mostra poderá ser visitada de balde de luns a domingo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. O martes, día 9 de abril, arrancará ademais un programa de visitas guiadas ás que se poderá acceder de balde previa inscrición na páxina web de Compostela Cultura.

Neves Rodríguez presenta o programa 'Mulleres en cadriños'

Mulleres en cadriños
Comisariada por Ínigo Rodríguez Román, #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega é o corazón do programa de actividades ‘Mulleres en cadriños', dirixido por Neves Rodríguez e concibido para pór en valor o traballo das mulleres galegas dentro da banda deseñada. A dicir de Rodríguez, o programa ‘Mulleres en cadriños’ “nace da necesidade de reivindicar a banda deseñada independente, os fanzines e os movementos de autoedición dende unha ollada feminina, centrada no traballo das mulleres artistas que traballan neste eido na Galiza”.

Nos meses de abril e maio levará a Zona C da praza de Cervantes dous obradoiros para a rapazada, e catro encontros e conversas con artistas que se dirixen tanto ao público familiarizado co mundo da BD e da gráfica fanzineira como a todas aquelas persoas que queiran comezar a descubrilo. En todas as actividades o acceso é de balde até completar capacidade pero, os obradoiros esixen reserva de praza no enderezo obradoiros.punctum@gmail.com

A sesión ‘Fanzines, camiños de ida e volta’ abre este programa de actividades complementarias o sábado 20 de abril ás 12 horas cunha conversa entre Maru Astray, Julia Lago, Uxía Larrosa, Bea Lema, Xulia Pisón e Pepa Prieto arredor da autoedición e o fanzine, o lugar onde sempre volven e dende o que desenvolven a súa creatividade. Na tarde do mesmo día, a partir das 16.30 horas, Julia Lago impartirá o obradoiro 'BDD, Banda Deseñada Díver’, concibido para que o público novo poida aventurarse na BD e practicar con ela a combinación de debuxo e texto que permite narrar unha historia e ese de trazo desenfadado, fresco e con frecuencia colorista que caracteriza os traballos da ilustradora. Hai 25 prazas dispoñibles dirixidas á rapazada de entre 9 e 12 anos e, para facerse con unha, cómpre enviar solicitude ao enderezo obradoiros.punctum@gmail.com antes das 14 horas do 19 de abril.

O segundo dos encontros desenvolverase o 4 de maio ás 12 horas baixo o título 'Autoedición como supervivencia: fanzines para a resistencia feminista e LGTBIQ+ en Galicia'. A investigadora María Gil Martínez conversará en profundidade sobre a autoedición para falar dos seus límites e especificidades nun achegamento á actualidade a través de exemplos concretos onde abordará as diferentes formas de relación entre arte e política na autopublicación observando os inicios do fanzine feminista e LGTBIQ+.  Tamén esa tarde, Bea Lema impartirá na Zona C un obradoiro de ilustración sobre tea de saco, unha técnica de representación que xurdiu en Chile durante a ditadura militar e que adoitaba ser feita por grupos de mulleres. O obradoiro diríxese a nenas e nenos de máis de 10 anos que poderán optar a unha das 25 prazas dispoñibles mediante inscrición no enderezo obradoiros.punctum@gmail.com antes das 14 horas do 3 de maio.

Dea Gómez e Diego Omil, integrantes do colectivo artístico Los Bravú, tomarán o relevo do programa de actividades o mércores 22 de maio ás 17.30 horas. Na sesión ‘Procesos e sucesos’ falarán de cómic, fanzines, pintura, escultura, fotografía ou audiovisual para compartir co público os seus procesos creativos e os sucesos que os fan posibles.

O último dos encontros desenvolvidos ao abeiro da exposición #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega terá lugar o 25 de maio ás 12.00 horas para ofrecer unha viaxe dende as orixes do cómic até o presente da man da xornalista Elisa McCausland. Moderado por Neves Rodríguez e baixo o título 'Xenealoxía e futuro das autoras de cómic', este faladoiro percorrerá as dinámicas editoriais, socio-económicas e autorais á luz dos feminismos da man das autoras que se foron sucedendo nas diferentes etapas do medio.