As pezas ‘Teatro de Papel’ de Rauxa Cía e ‘Compaña’ de Xampatito Pato preséntanse esta fin de semana no Teatro Principal
A compañía Fantoches Baj únese á Banda Municipal de Música de Santiago para levar á escena o clásico conto ‘Pedro e o lobo’
O acendido das luces de Nadal dará este venres comezo a un intenso programa de actividades en familia que se estenden tamén ás táboas do Teatro Principal e o Auditorio de Galicia. Esa mesma tarde, a partir das 20.30 horas, a compañía catalá Rauxa presenta no Principal Teatro de Papel, un espectáculo de circo contemporáneo que forma parte do circuíto Circo a Escena do INAEM. A peza, con dirección, dramaturxia e interpretación de Xavi Sánchez e Analía Serenelli, e con música de Jesús Acebedo, combina o teatro de marionetas, o clown e o teatro físico para reivindicar o poder da imaxinación nunha proposta que permite múltiples lecturas ao público adulto e miúdo. A dicir da compañía: «Teatro de Papel é unha persoa na súa soidade, é unha festa sen celebración, un monodiálogo onde a imaxinación alixeira o peso da soidade para dar paso a un mundo poético e onírico. É unha pausa, un erro nun sistema acelerado. Un momento suspendido no tempo no que o mundo se detén e a poesía baila».
As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 12 euros (co 50% de desconto para diferentes colectivos) e poden ser adquiridas xa na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C, e tamén se poderán mercar no propio Teatro Principal o día do evento dende unha hora antes do inicio do pase.
O mesmo escenario abeirará o sábado, día 30 de novembro, ás 18.00 horas a presentación de Compaña, da compañía galega Xampatito Pato. Tras o éxito do seu espectáculo Só, que tamén formou parte da programación ‘En Familia’ de Compostela Cultura, Jesús Velasco volve ao Teatro Principal cun traballo que pon en xogo circo e monicreques para levar o público a un mundo surrealista e onírico. En palabras do equipo, o espectáculo presenta «unha personaxe solitaria en busca de compaña que explora a imaxinación do público para dar vida a cada un dos seus pensamentos. A través deste proceso, faino sentir en compañía e abre un camiño cheo de sorpresas e de risos”.
As poucas entradas que fican aínda dispoñibles poden ser adquiridas a un prezo de 3 euros na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C.
O domingo, día 1 de decembro, a programación trasládase á Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia con Pedro e o lobo. A partir das 12.00 horas, Fantoches Baj e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela clásico levan á escena o clásico de Sergei Prokofiev nunha proposta representada con marionetas manipuladas coa técnica xaponesa do bunraku. A peza sitúa a historia nun mundo rural illado da modernidade e contextualiza o conto nunha estación de tren pechada, nun espazo que quixo ser moderno, pero que finalmente foi abandonado e que a natureza comeza a recuperar.
O acceso a esta representación enmarcada no ciclo ‘En Familia’ de Compostela Cultura é de balde previa retirada de convites que xa están dispoñibles en liña e no despacho de billetes da Zona C. Tamén se poderán retirar no do Auditorio de Galicia o día do evento dende unha hora antes do inicio do pase.
Os espectáculos forman parte do programa ‘Compostela, a estrela do Nadal’, un amplo abano de propostas para todos os públicos que espallará polos teatros e centros socioculturais composteláns e polas as rúas, prazas e barrios da cidade máis de 300 actividades diversas e participativas.