O recital deste xoves no Auditorio de Galicia contará coa soprano Carmen Buendía, gañadora do concurso de canto Compostela Lírica 2022. A vindeira semana haberá unha recepción na Alcaldía para agradecer o seu traballo
O mestre compostelán Maximino Zumalave dirixirá o seu último concerto como director asociado da Real Filharmonía de Galicia este xoves 14 no Auditorio de Galicia de Santiago. O director brandirá de novo a batuta para ofrecer ao público de Compostela o programa Exsultate jubilate, nun recital que contará coa actuación da soprano Carmen Buendía, gañadora do concurso de canto Compostela Lírica 2022 e que se realiza en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.
A RFG abrirá o concerto coa interpretación da obra Saturnal, do compositor coruñés Manuel Balboa, unha peza de estética intimista cun uso marcadamente persoal das cores tímbricas; Galicia está tamén presente en Lúa descolorida, unha composición para voz e orquestra de Osvaldo Golijov a partir do poema homónimo de Rosalía de Castro á que o mestre arxentino outorgou un exquisito sentido lírico e que a orquestra estrea agora na contorna estatal. A voz de Carmen Buendía protagoniza o motete mozartiano Exsultate Jubilate, unha das pezas vocais máis festivas e coñecidas do salzburgués, escrito orixinariamente para castrato. O concerto remata coa Sinfonía núm. 6 de Franz Schubert, unha das obras máis italianizantes do mestre vienés que nunca chegou a escoitala en vida.
Antes do recita ás 19:45h, o público poderá escoitar as impresións do mestre Zumalave nun novo coloquio do ciclo 'Conversando con...' que se desenvolverá na Sala Mózart.
Tras o concerto en Compostela, o director conducirá tamén a orquestra neste Exsultate Jubilate o venres 15 ás 20.00 horas no Teatro Principal de Ourense.
A vindeira semana haberá unha recepción na Alcaldía do Concello de Santiago para agradecer o seu traballo
Maximino Zumalave
Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Foi fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia dende a súa fundación, na que xogou un papel esencial, para alén de director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela.
Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outras e outros. Frecuente e moi especial foi a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.
Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, a Sinfónica de Praga, a Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede),
English Baroque Soloist, Bach Collegium, Orquesta Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras. Foi convidado a participar en xurados e presidir importantes certames e premios internacionais.
En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señzora do Rosario. No período 2010-2018 foi membro do Plenario, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e, dende 2014, formou parte da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e en 2016 recibiu o Premio da Cultura Galega.