Música e investigación en saúde, de novo da man con Sensoxenoma 24

O Auditorio de Galicia acolle este venres un novo concerto ao abeiro do proxecto de investigación Sensoxenoma

A Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago uniranse na interpretación dun programa sorpresa baseado no cinema

 

 

O proxecto Sensoxenoma recala de novo este venres no Auditorio de Galicia para analizar a resposta da xenética ao estímulo musical.  Nesta a súa terceira edición, a  investigación liderada pola área de Infectoloxía, Inflamación e Vacinas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e a Federación Galega de Alzhéimer (AGADEA), entre outras asociacións, continúa a explorar o efecto compensatorio da música en enfermidades neurodexenerativas co gallo de estudar o seu potencial terapéutico na loita contra a enfermidade. A investigación parte dada recollida de mostras biolóxicas antes, durante e despois de concertos musicais cun programa especificamente deseñado para cada ocasión.

Baldur Brönnimann tomará de novo a batuta da Real Filharmonia de Galicia nunha actuación que contará, por primeira vez no proxecto, coa intervención e colaboración da Banda de Música de Santiago de Compostela. A música de cinema centrará este concerto experimental estruturado en dúas partes de 30 minutos de duración. Antes do seu comezo, durante o mesmo e unha vez rematado o concerto recolleranse mostras das persoas voluntarias para poder comparar os resultados de dous impulsos musicais. Nesta edición, igual que nas anteriores, entre as dodadoras encóntranse persoas con enfermidades neurodexenerativas e con dano cerebral, grazas á colaboración con Agadea, Sarela e o Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Como novidade,  este ano recolleranse ademais mostras de bágoas, e usaranse 200 sensores inalámbricos grazas a unha colaboración coa facultade de Psicoloxía da Universidade do Minho.

O proxecto Sensoxenoma arrancou en 2022 da man do catedrático da USC Antonio Salas Ellacuriaga e o profesor e xefe de servizo de Pediatría do CHUS, Federico Martinón Torres, ambos os dous responsables dos Grupos de Xenética de Poboacións en Biomedicina (GenPoB) e de Investigación en Xenética, Vacinas e enfermidades Infecciosas (GenViP), e da musicóloga Laura Navarro Ramón, coordinadora do proxecto.  Os concertos da Real Filharmonía de Galicia a abeiro desta colaboración congregaron xa máis de 3.000 persoas nesta fusión de música e ciencia.